25.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Con esta anotación número 28 xirando satelitalmente (ás veces máis lonxe ás veces máis perto) arredor do Reina paso páxina e remato esta sección. Hoxe é un bo día para facelo.
Pola mañá, tras ver as obras de Carlos Velo que están expostas na colección e algún NODO que trataba sobre arte, baixei á reserva do Reina. ¡Que diferenza coa do Prado! No Prado abrían un peite e saía un Rubens aquí abrían un peite e con sorte podías ver un Feito. O Reina ten unha ampla colección de obras pero non sempre máis e máis. Moita doazón de segunda e pouca política coherente de adquisicións. Unha cuestión que deriva dun problema da súa identidade nómada demasiado cercana ao xestor cultural de turno ¿Que tipo de museo é o Reina? Parece que Borja-Villel teno bastante claro (¿demasiado?) e quizáis sexa o director que máis se achegue a dar resposta a esta pregunta.
Pola tarde entrego os papeis dunha bolsa para realizar un curso de verán que organiza a Fundación de Amigos del Prado. Pouco despois de entregalos, mándanme un mail dicindo que non podo optar á bolsa porque non son alumno da Complutense (para os que había vinte bolsas) nin entro dentro do apartado de "estudiantes iberoamericanos" (para os que había dez bolsas) e eu que pensaba que Galicia formaba parte de Iberoamérica.
Despois quedo cun amigo para ver (de novo) a colección do Reina. Vou andando dende casa e paro na libraría da Fimoteca onde escoito este curioso comentario: "Los libros sobre Marlon Brando no se venden nada, los que se venden bastante bien son los de James Dean, que sigue siendo un mito". Pois Brando era bastante mellor actor.
O meu amigo, recén aterrizado de Compostela, faime un agasallo que recollo con especial ilusión: a tradución dos poemas de Safo ao galego (editorial Positivas).
Entramos no museo por Nouvel. Vemos a sala "La Contemporaneidad" (que segue sen convecerme) e a da arte dos sesenta e setenta da colección (a máis sólida de todas as da exposición da colección permanente).
Subimos polo ascensor da fachada principal, pensado para darlle ao Reina unha estética "Sofidou", e recorremos a última remodelación do contexto do Guernica. O peso do audiovisual é menor que na primeira gran reforma que imaxinara Borja-Villel. Xa non está a sala na que se proxectaba Canciones para después de una guerra (Basilio Martín Patino, 1972) que reunía a un curioso número de espectadores interxeneracionais. Tampouco está a película de Alain Resnais Guernica que antes se podía ver nun monitor de plasma que tiña diante un banquiño (detalle importante).
A sala do pavillón español de 1937 xa non se atopa xusto en fronte do Guernica, perdendo peso en favor dunha proposta máis formalista e menos contextual. Tamén se modificou a sala onde se podía ver en pantalla grande Espagne 1936, que establecía unha curiosa dialéctica coa obra de Picasso. Agora esta creación audiovisual pódese seguir vendo nunha pantalla plana na que se pasa en loop xunto con obras de Carlos Velo e Ramón Biadiu, ás que a xente fai caso pero logo se vai porque cansa de estar de pé. Unha mágoa de exhibición porque esta selección de películas é ben interesante.
Así, a pesar da incorporación dos carteis da época, de debuxos e gravados sobre a guerra, de imaxes fascistas (aínda que sexa tanxencialmente e en vitrinas) e da nutrida presenza de fotografías o contexto expositivo do Guernica é menos atractivo e moito máis convencional.
Por último, paseamos tranquilamente pola planta cuarta. Disfrutamos especialmente da sala de fotografías "neorrealistas" cuxa disposición rompe un pouco a monotonía tradicional do resto de salas.
A nosa conversa sobre o futuro máis presente continúa fóra do museo nun restaurante de comida rápida e finalmente nos despedimos nunha das paradas da liña un de metro.
Etiquetas: Arredor do Reina
22.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
O campo da Galicia interior brilla coa agradable luz dun sol de verán que nin apreta nin afoga. As árbores son as mesmas de sempre, as herbas das cunetas están máis longas e as pistas semellan estar recén asfaltadas. Quizáis pola miña (de)formada cultura visual identifique esta paisaxe como "melancolía". Esta é a primeira palabra que me ven á mente (imaxino que nisto tamén haberá bastante de proxección persoal). O tempo parece estar en suspensión pero a vida tristemente nos lembra que os anos pasan inevitablemente, que aquí estamos de paso ¿Cara onde? Ao mellor cara ningurés. Así que "collige, virgo, rosas" e que cando veña a negra sombra da morte "te quite lo bailado" (que escribe Luis Alberto de Cuenca).
Etiquetas: Arredor do Reina
16.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Días de traballo sobre a bienal habanera e de trámites burocráticas para sobrevivir neste contexto de crise que chega xa ao 18% de parados (¡Terrible! ¿non?). ¿A que esperan os sindicatos para facer unha folga xeral? Probablemente, o que lles pase é que non teñan nin idea de que propoñer.
Paso a mañá no Reina e verdadeiramente creo que un dos dous grandes acertos de Borja-Villel (¿con guión ou sen guión?) é a audiovisualización da colección. É dicir, ese intento decidido de integrar o audiovisual en pé de igualdade co resto das artes (nisto tamén é moi interesante o salto cualitativo que deu a colección de cinema e vídeo que ten o Reina Sofía). Unha proposta valente porque supón todo un desafío técnico (sería moito máis fácil seguir enchendo as paredes de cadros), aínda que nalgunhas ocasións as condicións expositivas do audiovisual plantéxanme bastantes dubidas (ao respecto ver esta anotación periférica ou esta).
E a segunda gran cuestión (¿A primeira en importancia?) é o novo contexto expositivo do Guernica que xa estaba moito mellor que en épocas anteriores e que nesta nova remodelación incluíu o cartelismo (¡Menos mal!) e a obra de gravadores que deron boa conta daquela época (por exemplo Arturo Souto).
Etiquetas: Arredor do Reina
12.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Con esta calor madrileña os museos e os cinemas son bos refuxios para pasar a tarde agradablemente.
Onte fun á conferencia de Cátedra do Prado que desta volta impartía Mark Jones (director do Victoria and Albert Museum). A verdade é que foi bastante tostón e non dixo moitas cousas interesantes.
Estivo ben a súa reinvidicación histórica de que a educación estaba presente nos museos dende os seus inicios e a súa preocupación por integrar dentro do museo a públicos que tradicionalmente están afastados del.
Puxo varios exemplos de ciclos especificamente pensados para as "minorías" e mencionou que o propio V&A ten en conta estes aspectos (raza, relixión ou clase social) á hora de contratar persoal porque ten que dar conta da variedade multicultural da sociedade británica. El falaba (creo lembrar) de que un 8% dos traballadores do museo que dirixe pertencen a "minorías" (habería que ver cando se considera que un pertence a "minorías" e que relación ten esta porcentaxe si a comparamos co total da sociedade londinense -a cidade onde está esta institución-).
A súa charla rematou cunha imaxe da exposición de Kylie Minogue que houbo no V & A. Unha mostra que foi moi criticada pero da que el destacaba que se lograra atraer a un gran número de persoas que non eran habituais dos centros de arte, especialmente rapazas adolescentes. É difícil acadar un equilibrio entre a pedagoxía cultural e o espectáculo mediático.
Hoxe pola mañá, no encontro cos bolseiros da Cátedra do Prado, repitíu estas ideas e voltou a sinalar o importante que é a educación centrada non só nos procesos teóricos senón tamén nas implicacións físicas que ten a creación (por iso están tentando estruturar nese museo un obradoiro de cerámica no que a xente poida realizar as súas propias creacións).
Algunhas persoas vencelladas ao Prado preguntáronlle sobre o papel dos voluntarios ¿Froito da obsesión española pola man de obra de balde? El contestou nun ton ao cultural studies que o importante era ter xente de todas as clases como voluntarios, non soamente ricos, porque a clase social determina a forma de ver a arte. Idea moi interesante ¿ Verdadeiramente a nosa clase social condiciona a nosa forma de ver?
Despois da charla aproveitei para ver a mostra que hai na CaixaForum (pode que sexa un lugar moi visitado pero polo de agora non está entre os meus espazos artísticos preferidos de Madrid) e para ir á Cuesta de Moyano a ver libros de segunda man.
Non merquei ningún pero chamoume a atención que unha libraría tivera a un euro unha morea de memorias das actividades dos centros culturais (había dende a do Met ata a da Fundación Pedro Barrié de la Maza), tamén tiña unha gran cantidade de catálogos -polo mesmo prezo- das subastas de Christie's.
Etiquetas: Arredor do Reina
11.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Onte paseando pola mostra de Los Esquizos... pensaba que durante o Máster lin moito pero tiña que ter aproveitado mellor algunhas exposicións para educar máis o ollo. Gustoume (máis ben envexo) a conciencia de grupo que existía entre eles (algo pouco habitual xa nesa época).
Despois de ler Arte Último e de re-visitar aos Gordillo da colección e desta mostra temporal, entendo un pouco mellor a importancia deste pintor. Peza clave dentro dun relato que busca afastarse desa pintura dramática que rematou representado o esterotipicamente español, Gordillo representaba outro tipo de artista (a súa paleta era completamente diferente á da xeración dos cincuenta) e movíase nun terreo sintético (entre o figurativo e o abstracto). Pero o meu gusto segue moi alonxado da súa pintura.
Desfruto da notiña nas terrazas de Argumosa cuns amigos. A conversa dura horas e soamente queda interrompida por unha pelexa brutal entre dous armarios empotrados que remataron no chan un mordéndolle a orella ao outro que berraba de dor.
A xente logrounos separar e cada un marchou polo seu lado. No sitio da lea quedaron as súas camisetas como residuos da disputa.
Etiquetas: Arredor do Reina
8.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Europa érguese este luns abraiantemente conservadora, aínda que na orixe desta crise estean as políticas desreguladoras e neoliberais. A opción socialista de "Plan E", é dicir gasto público para facer pavillóns e maior endebedamento, parece que non convenceu aos votantes. En realidade o problema é que entre as prácticas económicas da esquerda e as prácticas económicas da dereita tampouco hai tanta lonxanía e poderiamolas sintetizar na seguinte máxima: "O que digan os bancos".
Eu érgome este luns coa esperanza de facer algo (interesante ou non) pero choco de novo co absoluto desinterese do museo. Nesta institución habería que falar, máis que de programas públicos, de programas publicitarios de dubidosa eficacia educativa pero gran repercusión mediática (relativícese o de "gran" e enténdase dentro do contexto pedagóxico do que estamos a falar).
Aproveito a mañá para sacar cartos (que boa falta me fan) e para realizar algunhas tarefas domésticas.
Pola tarde vou á Biblioteca mausoleo e deixome unha pasta fotocopiando máis da metade do catálogo da III Bienal de La Habana. Tamén leo algo o de Documenta11 e o de Le Magiciens de la Terre. Teño que comezar a escribir xa e deixarme de ler tanto. Creo que durante este curso de posgrao dediqueille demasiado tempo aos traballos, algo que serviu para bastante pouco.
Aproveito para pasarme pola sala titulada "La Contemporaneidad"(creo que por terceira vez) e estou véndoa atentamente durante unha hora (mañá regresarei). Todavía non podería falar dela completamente así que como fixen na anotación anterior deixarei soamente debuxados uns bosquexos.
O espazo da a sensación de estar moi mal aproveitado. Semella como se faltasen cousas e os debates das "outredades" no estado español dos anos noventa (falo de multiculturalismo, teoría queer, feminismo, etc.) non teñen ningún tipo de presenza (Espaliú está exposto na Tate pero non no Reina Sofía).
Non me gusta nada ver o vídeo nunha peana branca na que ninguén lle bota conta. Fetichizado como se fora un xarrón que proxecta luz.
A proxección da película de Neville ¡Vivan los hombres libres! que se inclúe no contexto da obra de Pedro G. Romero é absolutamente infernal. O son é o que sae do monitor, a calidade da copia é moi mala e, por suposto, os oito minutos e medio que dura hainos que ver de pé. O ordenador que hai para consultar o "Arquivo Fx" do artista andaluz é soamente un obxecto escultórico porque non funciona a conexión a internet (en cambio, sí que o podes consultar na túa casa a través desta ligazón). O total da instalación que se completa coa recreación dunha checa queda moi devalúada.
Non me deu a paciencia para ver nun pequeno monitor e sen estar sentado a obra de Rock my religion de Dan Graham. Pero con todo hai que admitir que a presenza do audiovisual é moito maior que en etapas anteriores.
Para outro día (ao mellor) quedará falar de Alberto Corazón, Muntadas, Grup de Treball e da (in?)eficacia das micronarracións. Finalmente non se incluíu a obra de Sekula sobre o Prestige (que chegaron a estar colgadas) claro exemplo de fotografías feitas por un artista etnográfico migrante (para máis información ver "O artista como etnógrafo" de Hal Foster, como non).
Etiquetas: Arredor do Reina
6.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Antonte pasei todo o aniversario dos meus vinte e moitos na cova lendo á luz do flexo. Onte tiven algo de vida social, un par de breves festas nocturnas en pisos de Chueca. Hoxe pola mañá lin un par de textos do catálogo da mostra Magiciens de la Terre e logo fun a Xetafe a devolver tres libros que collera da Biblioteca de Humanidades da UC3M.
Á última hora da tarde fun ao Reina. Vin con máis tempo a exposición de Juan Muñoz. Aprendín moito de como se configurou a súa linguaxe escenográfica dende as súas primeiras obras dos anos oitenta. Tamén me pasei (por enésima vez) pola primeira pranta do edificio de Nouvel (arte da colección permanente dos anos sesenta e setenta). Gústame que esteñan aí Aguirre e Sistiaga (fáltame Portabella) e tamén disfruto moito vendo as fotografías de Rauschenberg.
Paréceme que os vídeos das perfomances de Cage e Morris están moi mal expostos, como pasa cos vídeos de Nam June Paik e outros (que se proxectan nun monitor no que ninguén se para). O vídeo é imaxe-tempo e esixe algo máis que os típicos recursos museolóxicos pensados para o flâneur.
Penso que ver representado a Zaj tan só con material de vitrina é dar unha visión moi escasa do fluxus español. E aínda que o resultado final non me gusta moito creo que é necesario darlle visibilidade ás experiencias pioneiras dos artistas vencellados ao Centro de Cálculo da Universidade de Madrid (Barbadillo, Elena Asins, Soledad Sevilla...), que ademáis xeran un discurso moi interesante ao lado doutras experiencias xeométricas latinoamericanas de Gego, Lygia Clark e Lygia Pape. O Hans Haacke que antes estaba acompañándoos dentro desta sala agora está fora dela, na entrada xusto á dereita do espectador, onde queda moito mellor e ten moito máis protagonismo.
Antes de deixar atrás o museo pásome por La Central e merco unha edición facsímil de Arte Último (de Juan Antonio Aguirre) por algo máis de dez euros.
Á saída do museo atópome cun precioso arco da vella que enmarca a estación da Atocha.
Etiquetas: Arredor do Reina
3.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
No Reina inaugurouse onte unha mostra de Walid Raad (moi interesante pero con pouca cousa que non coñeceramos) e Los Esquizos de Madrid. Figuración madrileña de los 70 (mellor do que agardaba).
Así que aproveitamos para lucir modelo. Ao fin e ao cabo as inauguracións serven máis para ver e deixarse ver que para desfrutar das obras.

Para esta ocasión optamos por un look sobrio, minimalista pero tamén informal. Unha camiseta branca na que puña en negro ¿Alta educación?. Moi apropiada para un museo que se preocupa tanto pola educación artística (para máis información ver Periféricos)
Hoxe pola mañá estiven no museo no que se me atendeu amablemente para escoitar as miñas queixas sobre o divino e o humano (¿Servirán para algo?). E despois paseime por La Central para mercar o libro La Bienal de La Habana para leer, editado recentemente pola Universidade de Valencia. Que está moi ben, aínda que nalgunha das bienais que a min máis me interesa como a terceira, non inclúen un texto clave como o de Juan Acha.
Paso a tarde estudando e lendo. Non chegan boas novas académicas e o meu futuro máis cercano quédase en stand by.
Opto por non ir á presentación dun libro que escribíu un profesor do máster. Prefiro quedarme facendo o traballo da súa asignatura. A vida social satúrame e de vez en cando necesito regresar á cova.
Etiquetas: Arredor do Reina
31.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
|29.5.09
Arredor do Reina (mes B)
Na película de onte vese a un Fassbinder desencantado politicamente denunciando á esquerda de salón que soamente busca a transformación dos seus intereses e non dubida en xerar mártires revolucionarios que nunca existiron. O realizador alemán daba así unha gran bofetada a algunha das tendencias políticas máis cercanas ao seu pensamento.
A min sucédeme algo semellante no mundo da política cultural. Sobre o papel, sentíame moi afín ás preocupacións políticas, estéticas e culturais dalgúns dos investigadores do Máster. Pero no momento no que teñen a capacidade de xestionar, de cambiar as cousas, de aplicar todas esas teorías das que falan... síntense tan cómodos no sillón que lles custa erguerse del.
Na etapa Borja Villel, ao equipo directivo do Reina enchéuselle a boca de palabras que subliñaban a importancia que ten a educación artística. Obviamente, dentro desta, o Máster ten unha situación central. O propio director do museo refiríuse en varias ocasións a este tema:
"Para mí la educación es tan básica que cuando llegué creé toda un área dedicada a este tema. Desde ella se trabajan varios niveles de la educación, la primaria y la secundaria, pero también hemos empezado la formación de “alta educación”, una especie de College que en este momento es un máster pero la idea es que sea algo más, que genere profesionales que trabajen en el museo" (sacado de El Cultural).
Cando lin o de "college" soamente puiden rirme. Senón chega a ser pola receptiva actitude dos estudantes e pola profesionalidade dalgunhas profesoras e profesores aquelo non chegaría nin a "colexio".
A Borja-Villel véuselle o primeiro día. Falou de que o alumno debía xerar espazos de discusión, saludounos como "suxeitos políticos" e ata logo. Nunca máis voltou a aparecer por alí.
Non parece que lle importara moito que non contásemos cunhas instalacións adecuadas, nin o frío que pasamos en inverno na Sala de Protocolo, nin que non tiveramos mesas nas que poder tomar apuntamentos, nin que non existira un espazo de discusión efectivo para realizar os traballos (fóra dese mausoleo que é Biblioteca), nin que non houbera un equipo adecuado para a proxección de vídeo, nin que as prácticas foran (na maioría dos casos) un auténtico desastre... fallaron todos os aspectos que dependían do museo directamente e nin el, nin ninguén do seu equipo, fixeron nada para solucionalo.
¿Para que se fai entón un máster nun museo? Pois simplemente para que "quede bonito", para ensinalo aos medios de comunicación e dicirlles o importante que é a educación, cando a realidade vivida foi de absoluto desinterese. Unha cuestión sen contido, como a do Reina concebido como espazo público. Outro gran mito. Pura imaxe...
Para non deixar tan mal sabor: En días posteriores haberá que falar da remodelación da Colección Permante. Aí si que o fixeron bastante mellor que na cuestión pedagóxica.
Etiquetas: Arredor do Reina
28.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Retorno a Periféricos, retorno ao real (de novo Hal Foster), retorno ao cinema (xa tiña gañas de ver algunha película, esta tarde tocaralle a Fassbinder no cine do Círculo de Bellas Artes), retorno aos traballos (a proposta teórica da III Bienal de La Habana) e retorno ao Reina (hoxe será o día da agardada remodelación personalísima que fixo Borja-Villel da Colección Permanente do Reina Sofía).
Moitos retornos que espero que me dean bastante que escribir tras estes días de tediosas actividades burocráticas. Tras estes días de "procastinacións" nos que andiven futureando con pouco éxito e ningunha decisión.
Etiquetas: Arredor do Reina
20.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Onte chamoume a atención a presenza no auditorio dun famoso presentador, experto en institucionalizar a provocación. Estaba no medio, sentado entre o público. Eu pensei que tería algún irmán ou algunha irmá (nova investigadora, estudante ou do persoal administrativo da universidade) que iría a recoller algún premio.
Na mesa do acto estaban o Reitor, o Presidente do Consello Social, un representante do Banco Santander, a Secretaria do Consello Social e Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade de Madrid.
No intre en que comezou o acto académico o famoso presentador interrumpeu ao Reitor e dirixíndose a Esperanza Aguirre empezou a cantar unha canción. A peza contou co acompañamento de dous acólitos, moito menos coñecidos aínda que con algunha experiencia previa no mundo da televisión.
Interpretaron terriblemente un tema musical (teño gañas de ver como a amañan en postproducción) no que se pedía que Gallardón, alcalde de Madrid, e Esperanza Aguirre non discutiran tanto (temática tremedamente orixinal).
A xente aplaudíu a actuación, eu tamén (xa se sabe que neste tipo de actos un aplaude case por inercia) e despois largáronse a fume de carozo como se os levara o demo. Esa foi a implicación política que tivo esta perfomance mediática que ten como único obxectivo atraer a audiencia a través dunha provocación impostada.
O acto seguíu como se nada tivera pasado (a ninguén lle importaba o que fixeran) e despois da cerimonia servíuse unha copa de viño español.
Eu tomei un par de vasos de Coca-Cola porque tiña pensado aproveitar a tarde estudando (cousa que finalmente non fixen) e degustei gran cantidade de pinchos (os fríos moi bos e os quentes bastante resesos).
A iso das dúas e media regresei a casa co meu diplomiña, vía Cercanías e Metro, e boteime unha sesta de longa duración.
Despois dinlle os últimos retoques, de novo, ao traballo de autonarracións e imprimino porque finalmente non se pode entregar vía mail. Por iso perdín toda a mañá de hoxe indo a ese monstruo que é a Complutense para deixalo no buzón físico da profesora.
Con todos estes líos a temática da exame que teño o sábado segue inédita para min. Nun sistema de producción industrial resulta complicado ser un alumno "excelente".
Etiquetas: Arredor do Reina
19.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
O traballo "La expansión de lo íntimo (Autonarraciones audiovisuales y cibernéticas)" xa está entregado.
A cousa non sei que tal pintará (a nivel de nota) porque creo que é un traballo bastante arriscado para un máster de arte. O fácil sería ter escollido a un fotografo ou a un videoartista (a alguén cun amplo recorrido nos espazos artísticos) e traducir as teorías que xa están relatadas sobre arte e autobiografía (citando textualmente a Foucault e demáis). Pero intentar falar de blogs, novas redes sociais, chat shows, extreme makeovers, reality shows e documentais performativos dende dentro e con exemplos moi coñecidos do noso contexto máis próximo, pois ten o seu aquel. Porque finalmente moito citar a Benjamin pero a teoría artística segue sendo tremendamente aurática e as auras so brillan dende a lonxanía.
Onte reunión administrativa e decepcionante sobre o módulo práctico e hoxe teño que ir a Xetafe á recollida dun premio de nome aparatoso pero que se traduce econicamente en pouquiña cousa.
Non teño nin idea do que farei para o ano, só sinto que as décadas pasan, que a xente faise cada vez máis maior, que teño moito que facer esta semana e que estou durmindo fatal.
Para o que comparta conmigo este estado de existancialismo barato recoméndolle calquera dos derradeiros filmes de Joaquín Jordá. Intelixencia entre tanta mediocridade.
Etiquetas: Arredor do Reina
16.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Comezo por fin a escribir o traballo de autobiografía. Non sei moi ben cara onde vou pero polo menos estou indo (que xa era hora). De todos os xeitos non teño nada claro se me dará tempo a rematalo en tempo porque teño moitas cuestións pedagóxicas-burocráticas por medio.
Hoxe tocou novas redes sociais, bitácoras e "a necesidade de localización" como actitude de resistencia. Mañá dareille volta ás autonarracións televisivas. Teño gañas xa de chegar ao cinema e a Jordá (hai dúas semanas que me tiña que ter chegado a súa biografía á biblioteca La Central pero todavía estou agardando).
Madrid está en festas pero me parece que pouco vou disfutar delas.
Etiquetas: Arredor do Reina
12.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Faleceu Antonio Vega. A súa voz fráxil era un oasis no deserto inmenso do petardeo cultural, entre tanta palabrería pretenciosa as súas cancións eran autobiografías veladas, versos humildes e melancólicos, patoloxicamente melancólicos, un refuxo eremítico para os días medievais.
O tempo mata e entre tanto eu sego perdendo o tempo con actividades burocráticas que a ninguén lle interesan. Facendo un máster que o museo anuncia con pompa pero que logo resulta un tremendo bluff pola seu propio desinterese. Gañando algún premio de excelencia universitaria que serve máis para reforzar a imaxe institucional da entidade académica que para mellorar a condición de vida dos premiados.
Etiquetas: Arredor do Reina
8.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Entre DOCUMENTA Madrid e a conferencia da Complutense deixei de ser por uns días un satélite do Reina Sofía.
En DOCUMENTA os de sempre trátanme como sempre, é dicir, moi ben. A verdade é que é un luxo compartir con todo o equipo oficina de produción. Ademáis aprendo moito sobre novos e vellos realizadores e descubrín algunha obra que paga a pena.
Na conferencia "iconódula" tamén todo saíu moi ben. Había moito traballo de pre-produción nela e algunhas lecturas. Creo que foi agradable para todos e houbo opinións posteriores porque este tema de tradición e modernidade, identidade e globalización, homoxenidade e resistencias, tribus apocalípticas e integrados macdonalizados sempre da bastante que falar.
O malo é que estou descoidando os traballos e demáis asuntos académicos (burocracia inútil).
Etiquetas: Arredor do Reina
28.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Paso a mañá pensando na exposición sobre libro de Warburg que teño que facer o mércores. Canto máis leo o texto máis me gusta, iso que a primeira vez que o lin pareceume unha auténtica chorrada.
Creo que vou articular a miña parte da exposición en tres temas: a serpe como símbolo transcultural, a metodoloxía que Warburg utiliza para elaborar o artigo e a contextualización do texto como parte da terapia psicoanalítica que estaba a seguir.
Pola tarde vou ao museo a discutir as propostas cun par de compañeiros. Como non temos sitio de reunión ocupamos un despacho do departamento de exposicións para falar do traballo. A conversa é moi interesante, van saíndo novos temas, novas visións... Pero temos moi pouco tempo para montar todo ese discurso.
A iso das sete e media vamos a Patronato. Vemos como o director do museo está traballando no seu despacho e nós falamos de futuro(s) e posibilidade(s) que se plasman nun documento nada maximalista. A ver que sae de aí...
Etiquetas: Arredor do Reina
27.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Releo O ritual da serpe de Warburg e gústame máis que a primeira vez que o lin. Completo a información do texto con cousas que vou atopando por internet, wikipedia incluída, enciclopedia on-line que pon en crise o monopolio do "coñecedor" e da alta cultura. É certo que ten erros (¿Que enciclopedia non os ten?) pero o que sorprende é a gran variadade de temas que hai e a actualización que teñen. Non sei porque aínda non me animei a colaborar, creo que é por vergoña. Ademáis ¿sei de algo tanto como para xerar unha entrada nunha enciclopedia?
As 14:30 vou á biblio do Reina. Leo "La escultura negra" de Carl Einstein que formaliza, homoxeniza e desritualiza o tipo de creacións das que trata neste artigo e este texto de Justo Pastor Mellado. Unha reflexión sobre a arte chilena na que, a través do concepto de "transferencia", externaliza o panorama histórico-artístico nacional chileno dos sesenta primeiros anos do século XX e constrúe unha teoría que obvia a importancia que os chilenos tiveron dentro da configuración do seu propio relato histórico-artístico.
Primeiro fala dunha "transferencia galega" protagonizada por Sotomayor (que foi presidente da academia artística chilena). A súa presenza (de menos dunha década) marcaría un "inconsciente gallego" (sic.) que perduraría cincuenta anos, sendo o gran responsable da incorporación tardía á modernidade de Chile.
Por outro lado estaría a "transferencia catalana" que tería como suxeito único a José Balmes, que viviría tan só durante os seus primeiros anos de vida en Cataluña e logo marcharía coa súa familia a Chile no mítico Winnipeg.
Realmente Balmes fórmase como artista en Chile entón ¿Son suficientes os argumentos que Justo Pastor Mellado articula para falar verdadeiramente dunha "transferencia catalana"? ¿Poden dous individuos marcar a arte dun país durante sesenta anos? ¿Por que soamente hai "transferencias"? ¿Que pasa co resto da actividade artística chilena?
Parte destas cuestións plantexeillas criticamente a este teórico chileno no encontro que tivemos con el no Auditorio de Sabatini. Pastor Mellado contestoume amabablemente e sorprendido porque tivera lido ese artigo pero non me aclarou nada. Recoñece que o seu artigo é unha ficción pero unha ficción, di el, "que funciona".
Da clase que tiven xusto antes en Patronato pouco hai que contar. Tema moi interesante (Le Corbusier e as colmeas) pero eu xa lera o libro.
Etiquetas: Arredor do Reina
26.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Remataron as proxeccións dos "Rencontres". En Madrid só queda deles a mostra de audiovisuais que está na antiga Tabacalera, futuro Centro Nacional de Artes Visuais. Un espazo marabilloso que agardo que teña unha intervención mínima por parte do grupo de arquitectos que lles tocará remodelalo.
Hoxe paso no Reina dende as 11:30 ata as 22:00 parando unha horiña e media para comer na casa. Definitivamente penso que como xarrón non luzco moito.
A mesa redonda de directores de festivais programada para as 12:00 moderada por Carlos Heredero comeza con corenta minutos de retraso e remata as 14:20 con tan só unha única pregunta feita polo público.
Pola tarde as sesións (que tamén se inician con retraso) centradas no audiovisual español son bastante decepcionantes. Na primeira hai problemas técnicos con On Traslation: Fear/ Miedo de Muntadas e na segunda comézase media hora tarde por cuestións de incompatibilidade de formatos. Algo que xa tiña que ter previsto a organización.
O mellor destes pases foi escoitar falar ao cineasta asturiano Jorge Rivero da súa obra La Presa.
Rencontres finaliza con Political Adverstisement VII realizada (máis ben editada) por Antoni Muntadas e Marshall Reese. Muntadas non veu e é Reese quen fai a presentación deste exercizo de memoria. Un filme de metraxe buscado que recolle anuncios de propaganda política dende a década dos cincuenta, aínda que polas gargalladas do público ben parecese que estabamos a ver unha comedia das boas.
Por primeira vez, no que eu asistín de Rencontres, hai unha gran participación do público. É interesante a pregunta que lle fai un compañeiro de máster sobre si a reacción do público estadounidense é similar á que tivemos en Madrid. Reese contéstalle que si.
Eu penso que aínda que son documentos históricos de arquivo hai unha implicación política dos autores. Non é casualidade poñan os créditos e despois dos seus nomes un efectista vídeo en favor de Obama (imaxes coas que se queda o espectador). O vídeo do que falo é máis ou menos como este.
Así que lle pregunto sobre a súa posible implicación política (cuestión que pechou esta edición de Rencontres) e Reese vaise polos camiños de Internet e o novo rol dos internautas pero non me da ningunha resposta.
A sesión remata as dez pasadas e o co-director deste filme agasállanos á xente do público cun póster da película.
Esta proxección foi un bó final para os Rencontres. É unha mágoa que no audiovisual español (aínda que hai proxectos semellantes) non se prodiguen estos exercizos autorreflexivos (con grandes excepcións como a triloxía de Patino).
Etiquetas: Arredor do Reina
23.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Onte pola noite entérome do cese do encargado da galería/tenda de Sargadelos Madrid. Noutro tempo a galería de Sargadelos foi un punto de encontro da cultura galega en Madrid, un espazo que nacía propiciado por un dos exemplos máis interesantes de industria cultural que houbo no estado español da segunda metade do XX pero as cousas parece que xa non funcionan tan ben e que o único que interesa é vender unha louza que pouquiño valor ten despolitizada e desvencellada da cultura que representaba. Ao paso que vamos pronto veremos que a maioría dos Sargadelos son made in China e se venden en todas as grandes superficies.
Hoxe adico toda a mañá a tarefas administrativas, a ler tres artigos sobre autobiografía e cinema (Lejeune, Alain Bergala e Domènec Font) e a facer "salmorejo" que xa chegou a calor a Madrid, un prato que me ensinou unha compañeira andaluza.
Sen dúbida Andalucía foi o gran descubrimento desta etapa xetafense/madrileña. Os catro días que pasamos o pasado verán en Vejer e nas praias de Cadiz (¡Que ben saben as "shandy" na praia!), a viaxe express a Málaga e a excursión primaveral a Sevilla cos seus Murillos no Museo de Belas Artes -eses si-, a sensualidade do Alcázar, a sexualidade do azar no aire, os rebujitos, as tapitas, o carril bici con case todas as bicis estropeadas, o Guadalquivir iluminado pola noite, as terrazas, as múltiples posibilidades que ofrece un CAAC infrautilizado, a xente nas rúas, os ensaios de Semana Santa, a serenidade performartiva dos fieis do Gran Poder, os seus tranvías inútiles e o seu tráfico imposible.
Pola tarde pásome pola biblioteca do museo onde fotocopio parte do catálogo de Urbanitas (penso que vou a facer algunha referencia a esta mostra na conferencia que vou dar na Complutense). Tamén vou a La Central e encargo a biografía de Jordá feita por Laia Manresa. Unha homenaxe que me dou no quinto aniversario de PERIFÉRICOS, aniversario que coincide co día do libro.
Intento pasarme por unha sala do edificio Nouvel onde está exposta de xeito temporal parte da colección permante. A muller de seguridade négame o paso, dime especificamente que "los del máster no podéis pasar, están desmontando y está el director y toda la gente importante". ¿Ese é o interese que ten o Reina en ensinarnos?
Despois subo á costa de Moyano e vexo que nun posto hai unha oferta de dous libros por un euro. Entre o revoltallo atopo ¡Castigados sin tele! la televisión, definitivamente, es un cuento (FNAC, 2006) que trae artigos de Bordieu, Ramonet, Chion, Erice, Lolo Rico, Sánchez Ferlosio, Savater, Juan Cueto e Vázquez Montalbán (entre outros). Así que aproveito a ocasión para mercalo. Como para facer efectiva a oferta teño que levar dous libros elixo o exemplar que teñen da revista Arte y Parte.
As sete menos cinco chego ao Museo do Prado no que exercito o dereito/deber que teño como bolseiro da primeira Cátedra do Prado: a asistencia obrigatoria a todas as conferencias do ciclo El museo: hoy y mañana.
Crúzome con Zugaza (dúas veces nunha semana) que puntualmente agarda co seu aspecto habitual (brillantina, traxe escuro, garabata escura e zapatos negros) por Michel Leclotte.
No auditorio da ampliación do Prado atópome cunha compañeira do máster (tamén bolseira da cátedra) e con Isaac Marcel que me di que estou a monopolizar a bitácora. A situación é bastante desagradable porque me reprocha que ninguén sabe quen son, ao contrario do que sucede cos outros colaboradores desta bitácora (Marga Román, María Xosé, Uxío Marsuco, Borjamari...) e que el ten máis dereito a escribir porque leva máis tempo escribindo no blog. Tento explicarlle que as cousas cambian e que el tampouco estaba hai cinco anos, cando todo esto comezou.
Etiquetas: Arredor do Reina