<$BlogRSDURL$>

12.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Con esta calor madrileña os museos e os cinemas son bos refuxios para pasar a tarde agradablemente. 

Onte fun á conferencia de Cátedra do Prado que desta volta impartía Mark Jones (director do Victoria and Albert Museum). A verdade é que foi bastante tostón e non dixo moitas cousas interesantes. 

Estivo ben a súa reinvidicación histórica de que a educación estaba presente nos museos dende os seus inicios e a súa preocupación por integrar dentro do museo a públicos que tradicionalmente están afastados del. 

Puxo varios exemplos de ciclos especificamente pensados para as "minorías" e mencionou que o propio V&A ten en conta estes aspectos (raza, relixión ou clase social) á hora de contratar persoal porque ten que dar conta da variedade multicultural da sociedade británica. El falaba (creo lembrar) de que un 8% dos traballadores do museo que dirixe pertencen a "minorías" (habería que ver cando se considera que un pertence a "minorías" e que relación ten esta porcentaxe si a comparamos co total da sociedade londinense -a cidade onde está esta institución-). 

A súa charla rematou cunha imaxe da exposición de Kylie Minogue que houbo no V & A. Unha mostra que foi moi criticada pero da que el destacaba que se lograra atraer a un gran número de persoas que non eran habituais dos centros de arte, especialmente rapazas adolescentes. É difícil acadar un equilibrio entre a pedagoxía cultural e o espectáculo mediático. 

Hoxe pola mañá, no encontro cos bolseiros da Cátedra do Prado, repitíu estas ideas e voltou a sinalar o importante que é a educación centrada non só nos procesos teóricos senón tamén nas implicacións físicas que ten a creación (por iso están tentando estruturar nese museo un obradoiro de cerámica no que a xente poida realizar as súas propias creacións).

Algunhas persoas vencelladas ao Prado preguntáronlle sobre o papel dos voluntarios ¿Froito da obsesión española pola man de obra de balde? El contestou nun ton ao cultural studies que o importante era ter xente de todas as clases como voluntarios, non soamente ricos, porque a clase social  determina a forma de ver a arte. Idea moi interesante ¿ Verdadeiramente a nosa clase social condiciona a nosa forma de ver?

Despois da charla aproveitei para ver a mostra que hai na CaixaForum (pode que sexa un lugar moi visitado pero polo de agora non está entre os meus espazos artísticos preferidos de Madrid) e para ir á Cuesta de Moyano a ver libros de segunda man. 

Non merquei ningún pero chamoume a atención que unha libraría tivera a un euro unha morea de memorias das actividades dos centros culturais (había dende a do Met ata a da Fundación Pedro Barrié de la Maza), tamén tiña unha gran cantidade de catálogos -polo mesmo prezo- das subastas de Christie's.  

Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License