26.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Remataron as proxeccións dos "Rencontres". En Madrid só queda deles a mostra de audiovisuais que está na antiga Tabacalera, futuro Centro Nacional de Artes Visuais. Un espazo marabilloso que agardo que teña unha intervención mínima por parte do grupo de arquitectos que lles tocará remodelalo.
Hoxe paso no Reina dende as 11:30 ata as 22:00 parando unha horiña e media para comer na casa. Definitivamente penso que como xarrón non luzco moito.
A mesa redonda de directores de festivais programada para as 12:00 moderada por Carlos Heredero comeza con corenta minutos de retraso e remata as 14:20 con tan só unha única pregunta feita polo público.
Pola tarde as sesións (que tamén se inician con retraso) centradas no audiovisual español son bastante decepcionantes. Na primeira hai problemas técnicos con On Traslation: Fear/ Miedo de Muntadas e na segunda comézase media hora tarde por cuestións de incompatibilidade de formatos. Algo que xa tiña que ter previsto a organización.
O mellor destes pases foi escoitar falar ao cineasta asturiano Jorge Rivero da súa obra La Presa.
Rencontres finaliza con Political Adverstisement VII realizada (máis ben editada) por Antoni Muntadas e Marshall Reese. Muntadas non veu e é Reese quen fai a presentación deste exercizo de memoria. Un filme de metraxe buscado que recolle anuncios de propaganda política dende a década dos cincuenta, aínda que polas gargalladas do público ben parecese que estabamos a ver unha comedia das boas.
Por primeira vez, no que eu asistín de Rencontres, hai unha gran participación do público. É interesante a pregunta que lle fai un compañeiro de máster sobre si a reacción do público estadounidense é similar á que tivemos en Madrid. Reese contéstalle que si.
Eu penso que aínda que son documentos históricos de arquivo hai unha implicación política dos autores. Non é casualidade poñan os créditos e despois dos seus nomes un efectista vídeo en favor de Obama (imaxes coas que se queda o espectador). O vídeo do que falo é máis ou menos como este.
Así que lle pregunto sobre a súa posible implicación política (cuestión que pechou esta edición de Rencontres) e Reese vaise polos camiños de Internet e o novo rol dos internautas pero non me da ningunha resposta.
A sesión remata as dez pasadas e o co-director deste filme agasállanos á xente do público cun póster da película.
Esta proxección foi un bó final para os Rencontres. É unha mágoa que no audiovisual español (aínda que hai proxectos semellantes) non se prodiguen estos exercizos autorreflexivos (con grandes excepcións como a triloxía de Patino).
Etiquetas: Arredor do Reina
Comments:
Publicar un comentario