<$BlogRSDURL$>

8.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Europa érguese este luns abraiantemente conservadora, aínda que na orixe desta crise estean as políticas desreguladoras e neoliberais. A opción socialista de "Plan E",  é dicir gasto público para facer pavillóns e maior endebedamento, parece que non convenceu aos votantes.  En realidade o problema é que entre as prácticas económicas da esquerda e as prácticas económicas da dereita tampouco hai tanta lonxanía e poderiamolas sintetizar na seguinte máxima: "O que digan os bancos". 

Eu érgome este luns coa esperanza de facer algo (interesante ou non) pero choco de novo co absoluto desinterese do museo. Nesta institución habería que falar, máis que de programas públicos, de programas publicitarios de dubidosa eficacia educativa pero gran repercusión mediática (relativícese o de "gran" e enténdase dentro do contexto pedagóxico do que estamos a falar).

Aproveito a mañá para sacar cartos (que boa falta me fan) e para realizar algunhas tarefas domésticas.

Pola tarde vou á Biblioteca mausoleo e deixome unha pasta fotocopiando máis da metade do catálogo da III Bienal de La Habana. Tamén leo algo o de Documenta11 e o de Le Magiciens de la Terre. Teño que comezar a escribir xa e deixarme de ler tanto. Creo que durante este curso de posgrao dediqueille demasiado tempo aos traballos, algo que serviu para bastante pouco. 

Aproveito para pasarme pola sala titulada "La Contemporaneidad"(creo que por terceira vez) e estou véndoa atentamente durante unha hora (mañá regresarei). Todavía non podería falar dela completamente así que como fixen na anotación anterior deixarei soamente debuxados uns bosquexos. 

O espazo da a sensación de estar moi mal aproveitado. Semella como se faltasen cousas e os debates das "outredades" no estado español dos anos noventa (falo de multiculturalismo, teoría queer, feminismo, etc.) non teñen ningún tipo de presenza (Espaliú está exposto na Tate pero non no Reina Sofía).  

Non me gusta nada ver o vídeo nunha peana branca na que ninguén lle bota conta. Fetichizado como se fora un xarrón que proxecta luz. 

A proxección da película de Neville ¡Vivan los hombres libres! que se inclúe no contexto da obra de Pedro G. Romero é absolutamente infernal. O son é o que sae do monitor, a calidade da copia é moi mala e, por suposto, os oito minutos e medio que dura hainos que ver de pé. O ordenador que hai para consultar o "Arquivo Fx" do artista andaluz é soamente un obxecto escultórico porque non funciona a conexión a internet (en cambio, sí que o podes consultar na túa casa a través desta ligazón). O total da instalación que se completa coa recreación dunha checa queda moi devalúada.  

Non me deu a paciencia para ver nun pequeno monitor e sen estar sentado a obra de Rock my religion de Dan Graham. Pero con todo hai que admitir que a presenza do audiovisual é moito maior que en etapas anteriores. 

Para outro día (ao mellor) quedará falar de Alberto Corazón, Muntadas, Grup de Treball e da (in?)eficacia das micronarracións. Finalmente non se incluíu a obra de Sekula sobre o Prestige (que chegaron a estar colgadas) claro exemplo de fotografías feitas por un artista etnográfico migrante (para máis información ver "O artista como etnógrafo" de Hal Foster, como non).     

Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License