<$BlogRSDURL$>

29.5.09

Arredor do Reina (mes B) 

Na película de onte vese a un Fassbinder desencantado politicamente denunciando á esquerda de salón que soamente busca a transformación dos seus intereses e non dubida en xerar mártires revolucionarios que nunca existiron. O realizador alemán daba así unha gran bofetada a algunha das tendencias políticas máis cercanas ao seu pensamento. 

A min sucédeme algo semellante no mundo da política cultural. Sobre o papel, sentíame moi afín ás preocupacións políticas, estéticas e culturais dalgúns dos investigadores do Máster. Pero no momento no que teñen a capacidade de xestionar, de cambiar as cousas, de aplicar todas esas teorías das que falan... síntense tan cómodos no sillón que lles custa erguerse del.

Na etapa Borja Villel, ao equipo directivo do Reina enchéuselle a boca  de palabras que subliñaban a importancia que ten a educación artística. Obviamente, dentro desta, o Máster ten unha situación central. O propio director do museo refiríuse en varias ocasións a este tema:  

"Para mí la educación es tan básica que cuando llegué creé toda un área dedicada a este tema. Desde ella se trabajan varios niveles de la educación, la primaria y la secundaria, pero también hemos empezado la formación de “alta educación”, una especie de College que en este momento es un máster pero la idea es que sea algo más, que genere profesionales que trabajen en el museo" (sacado de El Cultural). 

Cando lin o de "college" soamente puiden rirme. Senón chega a ser pola receptiva actitude dos estudantes e pola profesionalidade dalgunhas profesoras e profesores aquelo non chegaría nin a "colexio". 

A Borja-Villel véuselle o primeiro día. Falou de que o alumno debía xerar espazos de discusión, saludounos como "suxeitos políticos" e ata logo. Nunca máis voltou a aparecer por alí. 

Non parece que lle importara moito que non contásemos cunhas instalacións adecuadas, nin o frío que pasamos en inverno na Sala de Protocolo, nin que non tiveramos mesas nas que poder tomar apuntamentos, nin que non existira un espazo de discusión efectivo para realizar os traballos (fóra dese mausoleo que é Biblioteca), nin que non houbera un equipo adecuado para a proxección de vídeo, nin que as prácticas foran (na maioría dos casos) un auténtico desastre... fallaron todos os aspectos que dependían do museo directamente e nin el, nin ninguén do seu equipo, fixeron nada para solucionalo. 

¿Para que se fai entón un máster nun museo? Pois simplemente para que "quede bonito", para ensinalo aos medios de comunicación e dicirlles o importante que é a educación, cando a realidade vivida foi de absoluto desinterese.  Unha cuestión sen contido, como a do Reina concebido como espazo público. Outro gran mito. Pura imaxe... 

Para non deixar tan mal sabor: En días posteriores haberá que falar da remodelación da Colección Permante. Aí si que o fixeron bastante mellor que na cuestión pedagóxica. 
Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License