<$BlogRSDURL$>

23.4.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Onte pola noite entérome do cese do encargado da galería/tenda de Sargadelos Madrid. Noutro tempo a galería de Sargadelos foi un punto de encontro da cultura galega en Madrid, un espazo que nacía propiciado por un dos exemplos máis interesantes de industria cultural que houbo no estado español da segunda metade do XX pero as cousas parece que xa non funcionan tan ben e que o único que interesa é vender unha louza que pouquiño valor ten despolitizada e desvencellada da cultura que representaba. Ao paso que vamos pronto veremos que a maioría dos Sargadelos son made in China e se venden en todas as grandes superficies.

Hoxe adico toda a mañá a tarefas administrativas, a ler tres artigos sobre autobiografía e cinema (Lejeune, Alain Bergala e Domènec Font) e a facer "salmorejo" que xa chegou a calor a Madrid, un prato que me ensinou unha compañeira andaluza. 

Sen dúbida Andalucía foi o gran descubrimento desta etapa xetafense/madrileña. Os catro días que pasamos o pasado verán en Vejer e nas praias de Cadiz (¡Que ben saben as "shandy" na praia!), a viaxe express a Málaga e a excursión primaveral a Sevilla cos seus Murillos no Museo de Belas Artes -eses si-, a sensualidade do Alcázar, a sexualidade do azar no aire, os rebujitos, as tapitas, o carril bici con case todas as bicis estropeadas, o Guadalquivir iluminado pola noite, as terrazas, as múltiples posibilidades que ofrece un CAAC infrautilizado, a xente nas rúas, os ensaios de Semana Santa, a serenidade performartiva dos fieis do Gran Poder, os seus tranvías inútiles e o seu tráfico imposible.    

Pola tarde pásome pola biblioteca do museo onde fotocopio parte do catálogo de Urbanitas (penso que vou a facer algunha referencia a esta mostra na conferencia que vou dar na Complutense). Tamén vou a La Central e encargo a biografía de Jordá feita por Laia Manresa. Unha homenaxe que me dou no quinto aniversario de PERIFÉRICOS, aniversario que coincide co día do libro.

Intento pasarme por unha sala do edificio Nouvel onde está exposta de xeito temporal parte da colección permante. A muller de seguridade négame o paso, dime especificamente que "los del máster no podéis pasar, están desmontando y está el director y toda la gente importante". ¿Ese é o interese que ten o Reina en ensinarnos? 

Despois subo á costa de Moyano e vexo que nun posto hai unha oferta de dous libros por un euro. Entre o revoltallo atopo ¡Castigados sin tele! la televisión, definitivamente, es un cuento (FNAC, 2006que trae artigos de Bordieu, Ramonet, Chion, Erice, Lolo Rico, Sánchez Ferlosio, Savater, Juan Cueto e Vázquez Montalbán (entre outros). Así que aproveito a ocasión para mercalo. Como para facer efectiva a oferta teño que levar dous libros elixo o exemplar que teñen da revista Arte y Parte.

As sete menos cinco chego ao Museo do Prado no que exercito o dereito/deber que teño como bolseiro da primeira Cátedra do Prado: a asistencia obrigatoria a todas as conferencias do ciclo El museo: hoy y mañana. 

Crúzome con Zugaza (dúas veces nunha semana) que puntualmente agarda co seu aspecto habitual (brillantina, traxe escuro, garabata escura e zapatos negros) por Michel Leclotte.

No auditorio da ampliación do Prado atópome cunha compañeira do máster (tamén bolseira da cátedra) e con Isaac Marcel que me di que estou a monopolizar a bitácora. A situación é bastante desagradable porque me reprocha que ninguén sabe quen son, ao contrario do que sucede cos outros colaboradores desta bitácora (Marga Román, María Xosé, Uxío Marsuco, Borjamari...) e que el ten máis dereito a escribir porque leva máis tempo escribindo no blog. Tento explicarlle que as cousas cambian e que el tampouco estaba hai cinco anos, cando todo esto comezou. 
Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License