28.3.12
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
A certidume de ter motivos para berrar
Non se trata tanto do famoso Real Decreto 3/2012 como da imposibilidade da autorrepresentación, do 'que non, que non, que non nos representan' dirixido a un poder que, con diferentes rostros, sigue mantendo as mesmas dinámicas. Diferentes efixies para as estatuas pero idénticos pedestais.
Trátase da individualidade desgarrada nos seus afectos, de contextos dilapidados e de traxedias do cotiá por culpa dunha crise devoradora que parece castigar de xeito inversamente proporcional aos que máis implicados estiveron nela.
Trátase de necesidade de berrar, máis poética que biolóxica, por cada existencia fraccionada, enchendo o espazo público con sons heteroxéneos que configuren un magma incontrolado e incontrolable. Trátase de facer ruído, este si, que poña fin a este marzo sonoro.
Etiquetas: Incertidumes, IREE, Isaac Marcel
19.3.12
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Desafecto
Levaba tempo sen escribir. Cada vez me custa máis porque en min a crise ten un efecto narcotizante, de pasividade extrema, de negación de todo tipo de produción (tamén a bio-resistente). O eu vai cedendo ao desencanto, supoño que isto forma parte do que se coñece como alienación, algo que xa non se pode medir en termos de retórica operaria como no século XIX senón que acadou unha sofisticación realmente perversa.
Quen anda por esta bitácora podería pensar (en termos de causalidade) que o cambio político ten algo que ver con isto. Pero en realidade a cuestión é menos concreta, moito máis xeral, son as propias dinámicas do poder as que levaron aos excesos desa España do triunfalismo na que a cultura e os seus innumerables xestores foron algo máis que cómplices, foron actores principais.
Todo isto provoca unha sensación de desafecto, de non pertencer á cultura que en termos xeográficos me tocou vivir, de non participar do que foi a súa euforia identitaria e da incapacidade paralizante para xerar autocrítica que resultou desta. España ía ben, parecía, suspendida na súa non-realidade.
Dende esta desafección contemplo a cultura máis cercana co que sería a mirada fascinada dun guiri. Hexemonías e contrahexemonías que repiten os mesmos vicios autoritarios por moito que partan de referentes teóricos opostos. Críticas estomacais que agochan unha loita polo poder, o poder como fin que necesita de intelectuais orgánicos que lle escriban o relato. A cultura de Estado sobre a que se apuntalou unha ficción democrática.
Regreso, aínda que con gañas de exilio, na agonía deste insoportablemente seco e contaminado inverno madrileño. Menos mal que xa logo chega a primavera. Menos mal que xa logo é abril. Abril, sempre abril.
Etiquetas: Incertidumes, IREE
18.1.11
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D
Supoño que o que nos fai seguir cara diante nestes tempos de incertidume son as ilusións.
|
Etiquetas: Incertidumes
25.12.10
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
|2.7.10
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Esta noite ceei con dous compañeiros. Entre os tres sumamos doce títulos oficiais universitarios, todos acadados en institucións públicas, e a partir de Outubro non temos nada seguro laboralmente falando. No noso contexto ser mileurista, termo que se usa como algo despectivo, é todo un luxo.
Un dos temas que saíu na cea foi o da folga de traballadores do Metro de Madrid. Á marxe de ideoloxías, de convenios e de sindicatos, que nesta época se están a comportar como auténticos aparatos ideolóxicos do estado, o que demostra esta folga é que a unión dos traballadores pode facer entrar en crise todo un sistema, neste caso algo tan básico nunha cidade grande como é o transporte público.
Parecía que a crise ía traer un cambio na situación das condicións económicas, Sarkozy falaba visionariamente de refundar o capitalismo e parte de esqueda vía a ruina total do modelo neoliberal. Pero o que sucedeu foi o contrario, un reforzamento do sistema, unha pérdida de dereitos dos traballadores e unha desarticulación das políticas sociais. Como escribiron xa algúns: "íamos a reformar o capitalismo pero foi o capitalismo o que nos reformou a nós".
Neste contexto emerxe con gran forza o protagonismo do precariado, como man de obra barata e altamente cualificada, sen dereitos, sen cotizacións e mal pagados. Algo do que se nutren as empresas para aumentar o beneficio xerando unha espiral de bolseiros coa coartada da formación. Entrase así nun proceso de acumulación de bolsas que en moitas ocasións unicamente conducen a outra bolsa.
Disto son exemplos paradigmáticos as industrias mediáticas e culturais. Institucións que se ocupan de denunciar publicamente estas prácticas pero que son cómplices delas. Especialmente denunciable son aquelas institucións que están artellando o discurso teórico do precariado, que queda moi ben de cara a galeria, pero logo malpagan aos seus traballadores e enchen as plantillas parasitariamente de precarios.
Cando escribo isto son as tres da mañá. A esta hora un dos compañeiros está a locutar parte dun boletín de novas que se escoita a nivel estatal. A súa xornada laboral é de doce da noite a oito da mañá, aínda que moitas veces exténdese ata as nove. Bolsa que optivo tras pasar varias probas de selección e pola que cobra 350 euros. Iso si que é precariado. Pero a todo o mundo empresarialmente (esquerda e dereita cultural e mediática) parece que lle interesa contar con xente así. E si te queixas da igual. Como eles din: "Tenemos una gran lista de espera".
Etiquetas: Incertidumes
26.5.10
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
As incertidumes persoais deste "Mes D" teñen que ver en moitas ocasións co futuro laboral, cousa nada extrana coa que está caendo. Cada ano é unha nova reconversión (no laboral e algunhas veces no sentimental), e este ano non podía ser algo diferente. A cousa non pintaba ben xa dende hai moito tempo, cunha res publica nada exemplar, moito máis turbia e opaca do que debera. Así que toca rascar de novo e enfrontarse algunha vez ao "Segue buscando".
Etiquetas: Incertidumes
6.3.10
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Creo que a maioría das incertidumes da xente nova do meu contexto (funcionariado á marxe) xiran arredor do seu futuro laboral. Xente preparada, cunha completa formación académica que van acumulando bolsas mal remuneradas. Bolsas que en teoría terían que servir para completar a súa formación pero que moitas veces son tan só ese traballo mecánico que ninguén quere facer na empresa. Un camiño que, polo xeral, ao único lugar que leva é a outra bolsa nun proceso que parece durar ad eternum.
Prodúcese entón unha acumulación de experiencias laborais na que os dereitos dos traballadores son inversamente proporcionais á súa plusvalía. Unha maquinaria de rendimento económico perfecta na que se apoian moitas empresas que ademáis consiguen beneficios polo feito de contratar a un bolseiro.
Por iso, fanme graza esas proclamas que buscan solucionar a crise a través da maior "flexibilidade laboral" (terrible eufemismo) ¿Que maior flexibilidade laboral que a de ter unha persoa que traballa case de balde? ¿Que maior flexibilidade laboral que a de contratar a unha persoa que non ten dereito a remuneración por despido? Por non falar da cotización á Seguridade Social. Un contexto de precariado que aínda que mil veces denunciado dende a teoría parece que poucos están dispostos a cambiar.
Etiquetas: Incertidumes
20.7.09
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
O mail chegou tarde pero chegou. Así que xa teño sustento para o ano a cambio doutro título o que suporá deixar, abandoar, regresar... Vivimos nunha sociedade de prazos curtos, de acumulacións e xustaposicións, de méritos cuantitivos máis que cualitivos. Na que sempre máis e máis. Eu sigo teimudo, pouquiño a pouco ¿Cara onde?
Etiquetas: Incertidumes
12.7.09
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
E pasou o día dez e o mail que tiña que chegar non chegou. Cambiaron o prazo, comezan a avisar a xente a partir do día doce de xullo. É dicir a partir de hoxe, pero como é domingo empezaran a facelo o luns. Así que non perderei de ollo o correo electrónico.
Cada vez fálase menos de cartas incluso para trámites administrativos. Salvo excepcións aos nosos buzóns soamente chegan as persistentes facturas.
Etiquetas: Incertidumes
4.7.09
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Estou canso de preguntarme anualmente "E agora que?" para ir tirando. O paro descendeu en xuño pero voltará a subir cando rematen os parches á construción. A cousa está moi mal e o pragmatismo entabla unha dialéctica co soño. Eu sigo persistindo no proxecto e agardo que a solución híbrida chegue ao meu mail antes do 10 de xullo, consciente de que pode ser unha especie de "Plan E", de bastante pan para hoxe e fame para o ano seguinte. E de non chegar? Pois de novo haberá que darlle resposta a un improvisado E agora que?
Etiquetas: Incertidumes
30.6.09
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Como me pasara o ano pasado, perdo un dos piares que sostiñan a miña fraxilidade nesta estadía madrileña. Despedino hoxe na Estación de AVE de Chamartín. Vaise de Madrid polo menos durante dous anos. O que lle agarda ao outro lado do Atlántico é mellor que o que deixa atrás.
Estas despedidas cúbrenme dunha sensación de ausencia, de novo comezo. Para moitos Madrid é soamente unha estación de paso da xuventude. A miña xuventude está a piques de marchar pero eu todavía ando por aquí. ¿Ata cando?
Etiquetas: Incertidumes

