19.3.12
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Desafecto
Levaba tempo sen escribir. Cada vez me custa máis porque en min a crise ten un efecto narcotizante, de pasividade extrema, de negación de todo tipo de produción (tamén a bio-resistente). O eu vai cedendo ao desencanto, supoño que isto forma parte do que se coñece como alienación, algo que xa non se pode medir en termos de retórica operaria como no século XIX senón que acadou unha sofisticación realmente perversa.
Quen anda por esta bitácora podería pensar (en termos de causalidade) que o cambio político ten algo que ver con isto. Pero en realidade a cuestión é menos concreta, moito máis xeral, son as propias dinámicas do poder as que levaron aos excesos desa España do triunfalismo na que a cultura e os seus innumerables xestores foron algo máis que cómplices, foron actores principais.
Todo isto provoca unha sensación de desafecto, de non pertencer á cultura que en termos xeográficos me tocou vivir, de non participar do que foi a súa euforia identitaria e da incapacidade paralizante para xerar autocrítica que resultou desta. España ía ben, parecía, suspendida na súa non-realidade.
Dende esta desafección contemplo a cultura máis cercana co que sería a mirada fascinada dun guiri. Hexemonías e contrahexemonías que repiten os mesmos vicios autoritarios por moito que partan de referentes teóricos opostos. Críticas estomacais que agochan unha loita polo poder, o poder como fin que necesita de intelectuais orgánicos que lle escriban o relato. A cultura de Estado sobre a que se apuntalou unha ficción democrática.
Regreso, aínda que con gañas de exilio, na agonía deste insoportablemente seco e contaminado inverno madrileño. Menos mal que xa logo chega a primavera. Menos mal que xa logo é abril. Abril, sempre abril.
Etiquetas: Incertidumes, IREE
Comments:
Publicar un comentario