<$BlogRSDURL$>

5.11.10

Artigos de crítica ético-estética ou un aspirante a snob atrapado no sentido común por Isaac Marcel 

Paso a tarde no Museo Reina Sofía moi ben acompañado visitando as mostras de Hans-Peter Feldmann e Val del Omar, dous valores seguros.

Do primeiro disfruto especialmente da súa epistemoloxía para todos os públicos, como queda claro na súa serie 100 years, 2001 conformada por 101 retratos de persoas achegadas a Feldmann que van dende os oito meses ata os 100 anos. Foi curioso observar como os espectadores se paraban na súa idade e logo continuaban o seu percorrido avanzando na inexorable degradación do tempo. A outra serie que me chamou especialmente a atención foi a adicada as portadas dos xornais do 12-s, o día despois do atentado no World Trade Center, un instante conxelado que desvelaba os diferentes intereses e as diversas inquedanzas na selección e xerarquía das imaxes ou nos propios titulares. Por non falar dese Karl Marx birollo, que na miña lectura de espectador perverso adquire unhas especiais connotacións na actual etapa do museo, e o lirismo dese ¿lenzo? agochado tras a típica cortina de inauguración todavía sen descorrer co que (case) se pechaba a mostra.

Mentras paseabamos polos traballos de Feldmann sentiamos algo que supoño que estará perto dese concepto tan duchampiano que é o infraleve.

Despois tocou a segunda visita á exposición de Val del Omar, tótem indiscutido do cinema experimental estatal. Os inicios contextuais da mostra aclaran máis ben pouco, as transferencias dalgúns formatos a vídeo ofrecen unhas condicións de audiovisionado deficiente e tampouco me fixo ningunha graza que o prezo do catálogo sexa de 40 euros. Pero todo iso queda solapado pola impresionante instalación do seu Tríptico Elemental de España, a pesar de que Acariño Galaico atópase nun lugar de paso e ben merecería unha sala máis illada. A sonoridade destas películas é moi superior á acostumada no cinema de exposición e as imaxes, nun xogo de luces e sombras, desbordan a pantalla. Hai unha sensación de trance moi acorde con esa exploración sin fin e táctilvisual sobre o misticismo que conforma esta triloxía.

Efectista pero efectivo resulta o traslado ao museo do seu laboratorio de creación que axuda a comunicar a dimensión das súas pesquisas fílmicas. Ademáis serve para dar a entender o principal valor deste cineasta: a constante investigación tecnolóxica para levar o audiovisual a terreos inexplorados o que explica a súa pertinaz investigación para acadar novas ferramentas, artellando así unha plástica audiovisual que tivo o mérito de ser pensada máis alá do límite do posible.

Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License