<$BlogRSDURL$>

28.11.10

Artigos de crítica ética-estética ou un aspirante a snob atrapado no sentido común por Isaac Marcel 

Onte fun aos Golem a ver o pase no que exhibían o resultado dos "Talleres de cine sin cámara" que se levaron a cabo dentro do contexto da polémica e moi "gallardoniana" Noche en Blanco de Madrid.

Por razóns técnicas non se puideron pasar as películas que fixeron os profesores destes obraidoros conxuntamente cos seus alumnos. Así que o programa, incluido dentro da irregular Semana de Cine Experimental de Madrid, quedou bastante devaluado. Finalmente, só se pasarón tres filmes dos profesores. Hai que dicir que, polo menos, ante este percance a organización deixou entrar de balde á xente.

Proxectouse Contra el Cine de Alberto Cabrera Bernal (ACB) en formato MiniDv, no que perde bastante. Sería moito mellor "desvelar" o mecanismo de proxección, colocar na sala o proxector de 16 mm. que podería manexar o propio ACB e audiovisionar Contra el Cine na súa textura visual e sonora orixinal. Pero a Semana de Cine Experimental de Madrid optou por minimizar riscos e proxectar todo en dixital.

Entendo perfectamente o que supón nalgúns casos a problemática de pasar as pelis no seu formato orixinal, pero creo que hai que ser moito máis cuidadoso con este aspecto, sobre todo cando tes a plena predisposición dun cineasta que vive na cidade na que se leva a cabo o evento. Desta forma, non houbo gran diferencia entre audiovisionar Contra el Cine aí, ou na casa en Vimeo.

A segunda película foi Horizontes de Miguel Aparicio. Interesante exercizo de relación imaxe/son no que o skyline de Madrid se siluetiza para despois traducirse sonoramente. Si ACB escollía para Contra el Cine escenas nas que os protagonistas están de costas ao público, a composición de Miguel tamén posúe certo grado de agresión, neste caso máis visual que iconográfica, contra un espectador que confronta o seu ollo contra a imaxe parpadeante.

O dato de humor da tarde púxoa involuntariamente o cinema ceibe de Antoni Padrós, ao que dediquei parte dunha investigación que realicei durante o último o ano e que acaba de rematar en Premio Extraordinario. Aínda que estou tomando certa distancia dela, cineastas como Padrós seguen tendo bastante presenza na miña vida. Algo que nalgunha ocasión é buscado conscientemente pero noutras emerxen de xeito imprevisto, case como un accidente.

Neste caso sucedeu que o traballo de Oriol Sánchez Copy Scream proxectábase dende o DVD de Del éxtasis al arrebato, pero o proxeccionista trabucouse e puxo Ice Cream, probablemente pola cercanía fonética dos títulos. Total, que se pasou enteira o erótico happening filmado de Antoni Padrós para sorpresa do público asistente.

Despois deste incidente si que puido audiovisionar a peza de Oriol, na que experimenta tecnicamente para conseguir un berro silencioso, híbrido entre animación e o tratamento con imaxe real.

O conxunto do programa deixou moi bo sabor de boca entre a pequena comunidade que asistiu e foi un breve pero adecuado panorama do que se está a facer agora mesmo dentro do contexto do audiovisual experimental feito dentro no Estado español. E aínda que a comunidade congregada era pequena, foi moito máis numerosa que a do pase do día anterior dunha película de Takashi Shimizu, que se puido audiovisonar nesa mesma sala catro dos cinema Golem Alphaville, a esa mesma hora (as 18:00) e á que asistín eu só. Por certo, coa chea de cineastas que hai ¿Que pinta un ciclo de Shimuzu nunha Semana de Cine Experimental? Misterios insondables.

Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License