<$BlogRSDURL$>

25.7.10

Pepapaco ou un eremita en Compostela 

Pareceume que había menos xente na Quintana que o ano pasado pero un "dos de sempre" díxome que non había nin máis nin menos senón que estaban "os de sempre". Pois iso, "os de sempre" escoitaban a Guillerme Vázquez ao que aplaudiron con bastante menos intensidade que cando se anunciou que no evento había un representante do Partido dos Trabalhadores de Brasil. Mentres Vázquez falaba, Beiras e o seu séquito buscaban terraza para tomar algo nos soportais da Quintana.

No Toural, que estaba discretamente cheo, actuaban os chairegos Mini e Mero que arrincaron algunha bágoa a un par de persoas (feito do que fun testemuña ocular). Alí se reuniu Causa Galiza coa presenza de Méndez Ferrín que non escoitou todos os discursos. Mentras unha muller falaba de algo así como asasinan as nosas vacas e beben a nosa leite, Ferrín con lentes de sol entrou nun bar do Toural e eu decidín non escoitar máis.

Tras o polvo á feira con viño peleón na Alameda e sesta na sombra dunha árbore baixei ao Festigal. No escenario bosquexaba a súa actuación Susana Seivane e nos postos vendían os accesorios do compromiso. A nivel de libros non vin nada novo, o máis interesante viña da asociación Traficantes de Sueños, e chamoume especialmente a atención un volume portugués que compilaba textos da Internacional Situacionista.

Día sen novidades nos discursos, sen sopresas no político, demasiado partido e pouco individuo. Día moi agradable polo tempo e pola compaña. Día de celebración porque me reencontrei con Compostela que xa tiña gañas.

Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License