<$BlogRSDURL$>

8.1.10

IREE? (Ano I) 

Remexendo na memoria desta bitácora atopei que foi o pasado abril (sempre abril) cando vin Uts Cero na pranta cuarta do Reina. Lembro como o seu círculo branco avanzada cara min que estaba medio recostado nun cómodo banco. E canto máis grande e perto estaba o círculo, máis aumentaba a intesidade do son. A inmersión sensorial era total.

Co gallo do ciclo cinematográfico dos "Encuentros de Pamplona", onte puiden voltala a ver no Auditorio Sabatini. A verdade é que o impacto foi menor. As condicións de exhibición da sala do museo eran máis apropiadas para o efecto que pretende xerar unha obra como esta.

Non me sucedeu o mesmo coa "epiléptica" Impulsos ópticos en progresión geomética (como a anterior tamén pertence ao ciclo de anti-cine de Javier Aguirre). Soamente a vira en ordenador e con cascos. Neste caso o tamaño da pantalla si importa para a mellor percepción da agresión visual que supón esta obra. Unha perla do relato tecnoartístico estatal feita, obviamente, con medios "preinformáticos".

Do ciclo de anti-cine púidose ver tamén Objetivo 40º. Actualmente en exhibición nunha pantalla de televisión na sala 104 (a que sen dúbida é a máis sólida de toda a colección) no contexto dun microrrelato que denominaron "Imágenes de España: Una mirada ácida sobre los mitos modernos". Anteriormente, tamén estivera en pantalla grande nesa mesma sala, no lugar que agora ocupa a obra de J. A. Sistiaga.

Objetivo 40º lémbroume aos experimentos warholianos de disolución de autoría, nos que a cámara deixábase soa gravando. Pero a obra de Aguirre é máis cálida. A cámara chantada en Sol é como un intruso que observan os extrañados viandantes.

Neste mesmo contexto de creación anticinematográfica está Espectro siete tradución cromática de son ou viceversa. Outro bo exemplo de cinema tecnoexperimental sustentado nun interese de exploración da visualidade.

Ademáis destas proxectáronse a tardosurrealista Playa insólita. Máis "amateur" que as anteriores, está feita no ano 1962, que se a Wikipedia non me engana, é o ano en que Fraga foi nomeado ministro. Algo que non creo que teña nada que ver co filme, aínda que comeza cunha referencia paródica ás filmacións turísticas das praias. Precisamente, a praia como imaxe simbólica de España será moi explotada polo daquela ministro entrante.

Tamén se pasou Los cuatro elementos. Creo que a influencia nesta obra de Val del Omar neste traballo é evidente (esta obra de Aguirre resulta máis convencional). É curioso o que contou o propio director sobre esta filmación, algunha destas imaxes abriron e pecharon o programa da morte de Franco.

A cousa estivo ben, pero penso que foi unha oportunidade perdida para exhibir o ciclo de anti-cine completo coa presenza do autor.

---

Post scriptum: Na presentación de Aguirre tamén saíu o tema de Javier Aguirre director comercial plantexado como dualidade esquizofrénica (ao final do pase púxose un fragmento de El Astronauta). Intúo que Aguirre foi "penalizado" pola crítica cineartística española por estas incursións no mundo do cine comercial do franquismo. Gustoume moito o que el comentou, que asumía todo o cine que fixera e estaba disposto a afrontar todo tipo de opinións sobre el. A pesar de que non o mencionou, o certo é que grazas aos cartos que gañaba no cinema comercial puido facer o seu gabado ciclo de Anticine.

---

P.S.2: Quedoume por mencionar este dato. Entre as obras de Anticine, Uts cero foi a elexida polo antigo director do Stedelijk Museum para ser proxectada durante tres meses.
Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License