30.10.08
Documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII
Segundo José António Souto Cabo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, a maioría dos textos máis antigos do galego-portugués proceden de Galicia.
"A Universidade da Coruña editou recentemente a monografía Documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII , con 384 dos máis antigos que se conservan, os considerados máis relevantes. É o resultado dun traballo de 15 anos levado a cabo por José António Souto, profesor da Facultade de Filoloxía de Santiago, que encontrou eses artigos nos fondos de 14 institucións. "
(...)
"Dos que están en galego-portugués, hai maior cantidade nos de procedencia galega. «No caso dos textos portugueses, na monografía están incluídos todos os coñecidos, ata 1271. Non acontece así cos galegos, pois entre 1260 e 1270 hai moitos máis que os que se publican e só se recollen os de maior valor. Isto pode ser explicado porque en Portugal o uso do romance era menos frecuente. En 1230 Galicia pasou a pertencer a Castela e, nun período breve de tempo, adoptou a práctica normal de escribir case todo en romance, como xa acontecía en Castela, o que explica esa preeminencia de textos encontrados na nosa comunidade». No entanto, o texto máis antigo de todos en galego-portugués foi elaborado en Braga antes de 1175: é o coñecido Pacto entre Gomes Pais e Ramiro Pais , que Souto presentou hai uns anos en Portugal á comunidade científica internacional; o máis antigo producido en Galicia é unha compravenda do mosteiro de Melón, de 1231".
O texto é de Joel Gómez e publicouse o día 22 de Outubro deste ano en La Voz de Galicia
Etiquetas: Feito diferencial
Comments:
Publicar un comentario