28.6.05
O meu reloxo queda sen pila pero todo continua. Eu son presente, era presente, fun presente. O tempo pasa pero o meu reloxo continua parado. Aproveito para pensar, non debería pensar tanto, xa ves o que lles pasou a eles por pensar demasiado. Na miña mente hoxe é futuro por iso merco libros de Picasso, Masson, Klee e Leger para o exame de septembro. Levarei o edredón e as sabas á lavanderia, espero que os nove euros e medio do lavado non lles leven a memoria. Sinto pena por deixar o piso é unha mágoa que todo esté tan vello. Agora de novo a buscar fogar para probablemente non atopar nada mellor. O curso que ven non terei xa as vistas neorrealistas do patio mazá. Good bye Brañas Boulevard, 25, 3ºD. Sofas de skay, habitacións amplias, sen calefacción, módico prezo. Volto a chegar tarde, coma sempre, que lástima pero... se soubese que ti non... son o primeiro en tódalas listas de espera da vida, todo o contrario que Zapatero que naceu de pe. Fraga perdeu a maioría por un. Ata logo Mr. Fraga. A Fraga pasoulle o que continuamente me pasa a min, quedou as portas por un, so por un, debe ser un mal endémico da chaira. Touriño pídille permiso a Quintana para governar e Quintana respóstalle cun enorme sorriso. ¿Novos tempos para a lírica? ¿Voltará a imaxinación? ¿Regresará a poesía? O crisol das expectativas: anorexia, drogas, depresións e infidelidades. Penso que se hoxe me presentasen a Deus quedaría francamente decepcioado. Os xoves licencidados de letras galegos opositan para secundaria, traballan no negocio familiar ou emigran para Canarias. ¿E eu? Ego. Sempre ego. Ególatra, egoísta, egocéntrico. ¿Por que non penso máis en ti? Sursum corda. Nen a ti nen a min nos van a condicionar os xenes. ¿Determinismo xenético? ¡Protesto! Contra a xenética, a vontade. Pero non todo é vontade, non podemos multiplicar os pans por moita vontade que teñamos. O meu reloxo está parado pero o tempo pasa.
NOTA: Creo que abuso da estructura circular.
Comments:
Publicar un comentario