<$BlogRSDURL$>

22.6.05

Fraga

Fraga chegou a votar co seu peculiar andar bamboleante. Exerceu o seu dereito, ironías da vida, na Casa da Xuventude de Vilalba, nesa "casa de la juventú" onde puñamos ao ocio adolescente a banda sonora dos Beatles, dos Rodríguez e dos Smashing entre partidas de futbolín e tenis de mesa.

Xusto no intre en que Fraga votaba eu estaba un pouco máis abaixo mercando La Voz de Galicia na libreria Segrel. O xornal anunciaba unha participación histórica a pesar do tempo de praia.

Precisamente esa abafante calor que ía na capital da chaira e os durísimos días de campaña fixeron que os oitenta e dous anos de Fraga se lle notaran visiblemente tanto no seu falar excesivamente pausado coma nos seus ollos entreabertos que loitaban para non pecharse. Este Fraga pouco tiña que ver co Fraga que chegaba a Vilalba coma un ciclón sen parar de sorrir e falar, saúdando pola rúa a todo mundo sen excepción como se fosen amigos da infancia.


Despois de exercer o seu dereito ao voto Fraga dirixiuse co seu camiñar de procesión ao Centro Cultural Recreativo, unha especie de casino en versión vilalbesa coñecido popularmente como "La Sociedá" que na nosa nenez enchíamos de confeti e serpentinas disfrazados de mosqueteiros, ninjas ou xogadores de rugby.


Elección tras elección Fraga bota na Sociedá a súa tradicional partida de dominó. Imaxino que esta rutina consolidada como un elemento diferencial da política galega estará incluida xa en tódolos manuais de psiquiatría política como medio de esparcimento emocional post-votación. Touriño e Quintana seguramente estén pensando que cousa típica, tópica, enxebre ou caracterísita facer despois de ir votar (coma preparar un cocido, xogar á birisca ou bailar unha muñeira) para atraer de paso as cámaras dos medios.

Algunha das súas irmáns e algunha filla aínda se deixa ver algo máis pola vila pero el vaise tan rápido como chega para non voltar ata a procesión das festas patronais ou ata que se inaugure unha pista ou ata as próximas eleccións... nas que seguramente xa non votará como presidente da Xunta.

|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License