26.12.04
Lembrando lembrando...
Hoxe comeza todo
(La Voz de Galicia 12/08/2001)
|
Hoxe comeza todo
O FLUXO da marea destruíu o teu boneco, agora xa só é un montículo informe. Ti non comprendes onde vai, quizais marchou coa última onda. Miras para a túa man pedíndolle unha resposta. Pouco a pouco a area que tes fortemente apresada vai caendo no mar. Levantas a cabeciña. Ves como eu saio da auga e me achego a ti. Torpemente érgueste e das un paso, dous, tres, pero non podes chegar ao cuarto. Caes de cu e sorrís. Vólveste erguer. Estás cheo de area mollada, así que primeiro límpaste un pouco. Eu estou inmóbil cos brazos abertos esperando a que veñas. Ti comezas a andar de novo: un, dous, tres... logras camiñar ata sete pasos. Cando xa case rozabas a miña man, tropezache cunha pedra e ferícheste no nocello. Estás doído máis que mancado. Choras e berras, ¡que te escoite toda a praia! Vías tan preto a man... Tes unha pequena ferida, sangras un pouquiño. Eu cóllote co meu enorme brazo. Sopro un pouco na ferida e xa non sangras. Abraiado miras para a perna e logo miras para min. Voltas rir e eu tamén río. Báixote do meu colo e déixote só na area mollada. O teu rostro entristece. Érgueste para intentar seguirme. Xa levas máis de dez pasos, once, doce... Por fin consegues coller a miña perna. Eu douche a man e ti aprétala con tódalas túas forzas. Detrás de nós, o mar vai borrando as nosas pisadas. Na area xa non queda nada dos teus pequenos pés nin dos meus pés xigantescos. Da man camiñamos xuntos ata chegar á liña vintecinco. Máis non, que ti tes moita calor. Neste intre aínda non sabes que o que acabas de vivir non o esquecerás nunca. É o teu primeiro recordo, a túa primeira lembranza atrapada no meu primeiro relato. Para ti e para min, hoxe comeza todo.
(La Voz de Galicia 12/08/2001)
Comments:
Publicar un comentario