30.6.09

As incertidumes de Carlos Certo (Mes D) 

Como me pasara o ano pasado, perdo un dos piares que sostiñan a miña fraxilidade nesta estadía madrileña. Despedino hoxe na Estación de AVE de Chamartín. Vaise de Madrid polo menos durante dous anos. O que lle agarda ao outro lado do Atlántico é mellor que o que deixa atrás.

Estas despedidas cúbrenme dunha sensación de ausencia, de novo comezo. Para moitos Madrid é soamente unha estación de paso da xuventude. A miña xuventude está a piques de marchar pero eu todavía ando por aquí. ¿Ata cando?

Mail

Etiquetas:


|

27.6.09

Die stille vor der Metro -anotación en progresión- (Mes C) 

Quedaban seis minutos para que chegara o próximo tren e era estraño sentir o baleiro desa gran estación de MetroSur. Soamente as escaleiras eléctricas se movían, todo estaba en silenzo pero o silenzo lonxe de producir quietude producía inquedanza.

Entro no vagón baleiro percorrendo estacións desertas sen fin, decido ir pasando de vagón a vagón, aproximandome á máquina para comprobar se alguén ou algo acciona os mandos do tren.

No medio da ausencia os asentos libres e as barras semellan ruinas da prehistoria. Miro os múltiples itinerarios na parte superior do vagón. Miro como o meu rostro se reflicte no cristal de seguridade. Vexo como a luz branca e eléctrica faime palidecer. Pouso unha man sobre un respaldo e respiro antes de continuar. Non son o único en respirar nese momento. Miro atrás.

E a historia continúa como ti queiras...
(deixa a túa continuación nos Comentarios).

Polo de agora participaron: Periféricos, O muiñeiro do tempo, e o Zoco Azul


Mail

Etiquetas:


|

25.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Con esta anotación número 28 xirando satelitalmente (ás veces máis lonxe ás veces máis perto) arredor do Reina paso páxina e remato esta sección. Hoxe é un bo día para facelo.

Pola mañá, tras ver as obras de Carlos Velo que están expostas na colección e algún NODO que trataba sobre arte, baixei á reserva do Reina. ¡Que diferenza coa do Prado! No Prado abrían un peite e saía un Rubens aquí abrían un peite e con sorte podías ver un Feito. O Reina ten unha ampla colección de obras pero non sempre máis e máis. Moita doazón de segunda e pouca política coherente de adquisicións. Unha cuestión que deriva dun problema da súa identidade nómada demasiado cercana ao xestor cultural de turno ¿Que tipo de museo é o Reina? Parece que Borja-Villel teno bastante claro (¿demasiado?) e quizáis sexa o director que máis se achegue a dar resposta a esta pregunta.

Pola tarde entrego os papeis dunha bolsa para realizar un curso de verán que organiza a Fundación de Amigos del Prado. Pouco despois de entregalos, mándanme un mail dicindo que non podo optar á bolsa porque non son alumno da Complutense (para os que había vinte bolsas) nin entro dentro do apartado de "estudiantes iberoamericanos" (para os que había dez bolsas) e eu que pensaba que Galicia formaba parte de Iberoamérica.

Despois quedo cun amigo para ver (de novo) a colección do Reina. Vou andando dende casa e paro na libraría da Fimoteca onde escoito este curioso comentario: "Los libros sobre Marlon Brando no se venden nada, los que se venden bastante bien son los de James Dean, que sigue siendo un mito". Pois Brando era bastante mellor actor.

O meu amigo, recén aterrizado de Compostela, faime un agasallo que recollo con especial ilusión: a tradución dos poemas de Safo ao galego (editorial Positivas).

Entramos no museo por Nouvel. Vemos a sala "La Contemporaneidad" (que segue sen convecerme) e a da arte dos sesenta e setenta da colección (a máis sólida de todas as da exposición da colección permanente).

Subimos polo ascensor da fachada principal, pensado para darlle ao Reina unha estética "Sofidou", e recorremos a última remodelación do contexto do Guernica. O peso do audiovisual é menor que na primeira gran reforma que imaxinara Borja-Villel. Xa non está a sala na que se proxectaba Canciones para después de una guerra (Basilio Martín Patino, 1972) que reunía a un curioso número de espectadores interxeneracionais. Tampouco está a película de Alain Resnais Guernica que antes se podía ver nun monitor de plasma que tiña diante un banquiño (detalle importante).

A sala do pavillón español de 1937 xa non se atopa xusto en fronte do Guernica, perdendo peso en favor dunha proposta máis formalista e menos contextual. Tamén se modificou a sala onde se podía ver en pantalla grande Espagne 1936, que establecía unha curiosa dialéctica coa obra de Picasso. Agora esta creación audiovisual pódese seguir vendo nunha pantalla plana na que se pasa en loop xunto con obras de Carlos Velo e Ramón Biadiu, ás que a xente fai caso pero logo se vai porque cansa de estar de pé. Unha mágoa de exhibición porque esta selección de películas é ben interesante.

Así, a pesar da incorporación dos carteis da época, de debuxos e gravados sobre a guerra, de imaxes fascistas (aínda que sexa tanxencialmente e en vitrinas) e da nutrida presenza de fotografías o contexto expositivo do Guernica é menos atractivo e moito máis convencional.

Por último, paseamos tranquilamente pola planta cuarta. Disfrutamos especialmente da sala de fotografías "neorrealistas" cuxa disposición rompe un pouco a monotonía tradicional do resto de salas.

A nosa conversa sobre o futuro máis presente continúa fóra do museo nun restaurante de comida rápida e finalmente nos despedimos nunha das paradas da liña un de metro.


Mail

Etiquetas:


|

22.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

O campo da Galicia interior brilla coa agradable luz dun sol de verán que nin apreta nin afoga. As árbores son as mesmas de sempre, as herbas das cunetas están máis longas e as pistas semellan estar recén asfaltadas. Quizáis pola miña (de)formada cultura visual identifique esta paisaxe como "melancolía". Esta é a primeira palabra que me ven á mente (imaxino que nisto tamén haberá bastante de proxección persoal). O tempo parece estar en suspensión pero a vida tristemente nos lembra que os anos pasan inevitablemente, que aquí estamos de paso ¿Cara onde? Ao mellor cara ningurés. Así que "collige, virgo, rosas" e que cando veña a negra sombra da morte "te quite lo bailado" (que escribe Luis Alberto de Cuenca).

Mail

Etiquetas:


|

16.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Días de traballo sobre a bienal habanera e de trámites burocráticas para sobrevivir neste contexto de crise que chega xa ao 18% de parados (¡Terrible! ¿non?). ¿A que esperan os sindicatos para facer unha folga xeral? Probablemente, o que lles pase é que non teñan nin idea de que propoñer.

Paso a mañá no Reina e verdadeiramente creo que un dos dous grandes acertos de Borja-Villel (¿con guión ou sen guión?) é a audiovisualización da colección. É dicir, ese intento decidido de integrar o audiovisual en pé de igualdade co resto das artes (nisto tamén é moi interesante o salto cualitativo que deu a colección de cinema e vídeo que ten o Reina Sofía). Unha proposta valente porque supón todo un desafío técnico (sería moito máis fácil seguir enchendo as paredes de cadros), aínda que nalgunhas ocasións as condicións expositivas do audiovisual plantéxanme bastantes dubidas (ao respecto ver esta anotación periférica ou esta).

E a segunda gran cuestión (¿A primeira en importancia?) é o novo contexto expositivo do Guernica que xa estaba moito mellor que en épocas anteriores e que nesta nova remodelación incluíu o cartelismo (¡Menos mal!) e a obra de gravadores que deron boa conta daquela época (por exemplo Arturo Souto).

Mail

Etiquetas:


|

12.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Con esta calor madrileña os museos e os cinemas son bos refuxios para pasar a tarde agradablemente. 

Onte fun á conferencia de Cátedra do Prado que desta volta impartía Mark Jones (director do Victoria and Albert Museum). A verdade é que foi bastante tostón e non dixo moitas cousas interesantes. 

Estivo ben a súa reinvidicación histórica de que a educación estaba presente nos museos dende os seus inicios e a súa preocupación por integrar dentro do museo a públicos que tradicionalmente están afastados del. 

Puxo varios exemplos de ciclos especificamente pensados para as "minorías" e mencionou que o propio V&A ten en conta estes aspectos (raza, relixión ou clase social) á hora de contratar persoal porque ten que dar conta da variedade multicultural da sociedade británica. El falaba (creo lembrar) de que un 8% dos traballadores do museo que dirixe pertencen a "minorías" (habería que ver cando se considera que un pertence a "minorías" e que relación ten esta porcentaxe si a comparamos co total da sociedade londinense -a cidade onde está esta institución-). 

A súa charla rematou cunha imaxe da exposición de Kylie Minogue que houbo no V & A. Unha mostra que foi moi criticada pero da que el destacaba que se lograra atraer a un gran número de persoas que non eran habituais dos centros de arte, especialmente rapazas adolescentes. É difícil acadar un equilibrio entre a pedagoxía cultural e o espectáculo mediático. 

Hoxe pola mañá, no encontro cos bolseiros da Cátedra do Prado, repitíu estas ideas e voltou a sinalar o importante que é a educación centrada non só nos procesos teóricos senón tamén nas implicacións físicas que ten a creación (por iso están tentando estruturar nese museo un obradoiro de cerámica no que a xente poida realizar as súas propias creacións).

Algunhas persoas vencelladas ao Prado preguntáronlle sobre o papel dos voluntarios ¿Froito da obsesión española pola man de obra de balde? El contestou nun ton ao cultural studies que o importante era ter xente de todas as clases como voluntarios, non soamente ricos, porque a clase social  determina a forma de ver a arte. Idea moi interesante ¿ Verdadeiramente a nosa clase social condiciona a nosa forma de ver?

Despois da charla aproveitei para ver a mostra que hai na CaixaForum (pode que sexa un lugar moi visitado pero polo de agora non está entre os meus espazos artísticos preferidos de Madrid) e para ir á Cuesta de Moyano a ver libros de segunda man. 

Non merquei ningún pero chamoume a atención que unha libraría tivera a un euro unha morea de memorias das actividades dos centros culturais (había dende a do Met ata a da Fundación Pedro Barrié de la Maza), tamén tiña unha gran cantidade de catálogos -polo mesmo prezo- das subastas de Christie's.  

Mail

Etiquetas:


|

11.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Onte paseando pola mostra de Los Esquizos... pensaba que durante o Máster lin moito pero tiña que ter aproveitado mellor algunhas exposicións para educar máis o ollo. Gustoume (máis ben envexo) a conciencia de grupo que existía entre eles (algo pouco habitual xa nesa época). 

Despois de ler Arte Último e de re-visitar aos Gordillo da colección e desta mostra temporal, entendo un pouco mellor a importancia deste pintor. Peza clave dentro dun relato que busca afastarse desa pintura dramática que rematou representado o esterotipicamente español, Gordillo representaba outro tipo de artista (a súa paleta era completamente diferente á da xeración dos cincuenta) e movíase nun terreo sintético (entre o figurativo e o abstracto). Pero o meu gusto segue moi alonxado da súa pintura.

Desfruto da notiña nas terrazas de Argumosa cuns amigos. A conversa dura horas e soamente queda interrompida por unha pelexa brutal entre dous armarios empotrados que remataron no chan un mordéndolle a orella ao outro que berraba de dor. 

A xente logrounos separar e cada un marchou polo seu lado. No sitio da lea quedaron as súas camisetas como residuos da disputa.    

Mail

Etiquetas:


|

8.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Europa érguese este luns abraiantemente conservadora, aínda que na orixe desta crise estean as políticas desreguladoras e neoliberais. A opción socialista de "Plan E",  é dicir gasto público para facer pavillóns e maior endebedamento, parece que non convenceu aos votantes.  En realidade o problema é que entre as prácticas económicas da esquerda e as prácticas económicas da dereita tampouco hai tanta lonxanía e poderiamolas sintetizar na seguinte máxima: "O que digan os bancos". 

Eu érgome este luns coa esperanza de facer algo (interesante ou non) pero choco de novo co absoluto desinterese do museo. Nesta institución habería que falar, máis que de programas públicos, de programas publicitarios de dubidosa eficacia educativa pero gran repercusión mediática (relativícese o de "gran" e enténdase dentro do contexto pedagóxico do que estamos a falar).

Aproveito a mañá para sacar cartos (que boa falta me fan) e para realizar algunhas tarefas domésticas.

Pola tarde vou á Biblioteca mausoleo e deixome unha pasta fotocopiando máis da metade do catálogo da III Bienal de La Habana. Tamén leo algo o de Documenta11 e o de Le Magiciens de la Terre. Teño que comezar a escribir xa e deixarme de ler tanto. Creo que durante este curso de posgrao dediqueille demasiado tempo aos traballos, algo que serviu para bastante pouco. 

Aproveito para pasarme pola sala titulada "La Contemporaneidad"(creo que por terceira vez) e estou véndoa atentamente durante unha hora (mañá regresarei). Todavía non podería falar dela completamente así que como fixen na anotación anterior deixarei soamente debuxados uns bosquexos. 

O espazo da a sensación de estar moi mal aproveitado. Semella como se faltasen cousas e os debates das "outredades" no estado español dos anos noventa (falo de multiculturalismo, teoría queer, feminismo, etc.) non teñen ningún tipo de presenza (Espaliú está exposto na Tate pero non no Reina Sofía).  

Non me gusta nada ver o vídeo nunha peana branca na que ninguén lle bota conta. Fetichizado como se fora un xarrón que proxecta luz. 

A proxección da película de Neville ¡Vivan los hombres libres! que se inclúe no contexto da obra de Pedro G. Romero é absolutamente infernal. O son é o que sae do monitor, a calidade da copia é moi mala e, por suposto, os oito minutos e medio que dura hainos que ver de pé. O ordenador que hai para consultar o "Arquivo Fx" do artista andaluz é soamente un obxecto escultórico porque non funciona a conexión a internet (en cambio, sí que o podes consultar na túa casa a través desta ligazón). O total da instalación que se completa coa recreación dunha checa queda moi devalúada.  

Non me deu a paciencia para ver nun pequeno monitor e sen estar sentado a obra de Rock my religion de Dan Graham. Pero con todo hai que admitir que a presenza do audiovisual é moito maior que en etapas anteriores. 

Para outro día (ao mellor) quedará falar de Alberto Corazón, Muntadas, Grup de Treball e da (in?)eficacia das micronarracións. Finalmente non se incluíu a obra de Sekula sobre o Prestige (que chegaron a estar colgadas) claro exemplo de fotografías feitas por un artista etnográfico migrante (para máis información ver "O artista como etnógrafo" de Hal Foster, como non).     

Mail

Etiquetas:


|

6.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Antonte pasei todo o aniversario dos meus vinte e moitos na cova lendo á luz do flexo. Onte tiven algo de vida social, un par de breves festas nocturnas en pisos de Chueca. Hoxe pola mañá lin un par de textos do catálogo da mostra Magiciens de la Terre e logo fun a Xetafe a devolver tres libros que collera da Biblioteca de Humanidades da UC3M. 

Á última hora da tarde fun ao Reina. Vin con máis tempo a exposición de Juan Muñoz. Aprendín moito de como se configurou a súa linguaxe escenográfica dende as súas primeiras obras dos anos oitenta. Tamén me pasei (por enésima vez) pola primeira pranta do edificio de Nouvel (arte da  colección permanente dos anos sesenta e setenta).  Gústame que esteñan aí Aguirre e Sistiaga (fáltame Portabella) e tamén disfruto moito vendo as fotografías de Rauschenberg.

Paréceme que os vídeos das perfomances de Cage e Morris están moi mal expostos, como pasa cos vídeos de Nam June Paik e outros (que se proxectan nun monitor no que ninguén se para). O vídeo é imaxe-tempo e esixe algo máis que os típicos recursos museolóxicos pensados para o flâneur. 

Penso que ver representado a Zaj tan só con material de vitrina é dar unha visión moi escasa do fluxus español.  E aínda que o resultado final non me gusta moito creo que é necesario darlle visibilidade ás experiencias pioneiras dos artistas vencellados ao Centro de Cálculo da Universidade de Madrid (Barbadillo, Elena Asins, Soledad Sevilla...), que ademáis xeran un discurso moi interesante ao lado doutras experiencias xeométricas latinoamericanas de Gego, Lygia Clark e Lygia Pape. O Hans Haacke que antes estaba acompañándoos dentro desta sala agora está fora dela, na entrada xusto á dereita do espectador, onde queda moito mellor e ten moito máis protagonismo.  

Antes de deixar atrás o museo pásome por La Central e merco unha edición facsímil de Arte Último (de Juan Antonio Aguirre) por algo máis de dez euros. 

Á saída do museo atópome cun precioso arco da vella que enmarca a estación da Atocha. 

Mail

Etiquetas:


|

3.6.09

Arredor do Reina (Mes B) 

No Reina inaugurouse onte unha mostra de Walid Raad (moi interesante pero con pouca cousa que non coñeceramos) e  Los Esquizos de Madrid. Figuración madrileña de los 70 (mellor do que agardaba). 

Así que aproveitamos para lucir modelo. Ao fin e ao cabo as inauguracións serven máis para ver e deixarse ver que para desfrutar das obras. 

Para esta ocasión optamos por un look sobrio, minimalista pero tamén informal. Unha camiseta branca na que puña en negro ¿Alta educación?. Moi apropiada para un museo que se preocupa tanto pola educación artística (para máis información ver Periféricos)

Hoxe pola mañá estiven no museo no que se me atendeu amablemente para escoitar as miñas queixas sobre o divino e o humano (¿Servirán para algo?). E despois paseime por La Central para mercar o libro La Bienal de La Habana para leer, editado recentemente pola Universidade de Valencia. Que está moi ben, aínda que nalgunha das bienais que a min máis me interesa como a terceira, non inclúen un texto clave como o de Juan Acha. 

Paso a tarde estudando e lendo. Non chegan boas novas académicas e o meu futuro máis cercano quédase en stand by.  

Opto por non ir á presentación dun libro que escribíu un profesor do máster. Prefiro quedarme facendo o traballo da súa asignatura. A vida social satúrame e de vez en cando necesito regresar á cova.

Etiquetas:


|

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License