31.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
|29.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Na película de onte vese a un Fassbinder desencantado politicamente denunciando á esquerda de salón que soamente busca a transformación dos seus intereses e non dubida en xerar mártires revolucionarios que nunca existiron. O realizador alemán daba así unha gran bofetada a algunha das tendencias políticas máis cercanas ao seu pensamento.
A min sucédeme algo semellante no mundo da política cultural. Sobre o papel, sentíame moi afín ás preocupacións políticas, estéticas e culturais dalgúns dos investigadores do Máster. Pero no momento no que teñen a capacidade de xestionar, de cambiar as cousas, de aplicar todas esas teorías das que falan... síntense tan cómodos no sillón que lles custa erguerse del.
Na etapa Borja Villel, ao equipo directivo do Reina enchéuselle a boca de palabras que subliñaban a importancia que ten a educación artística. Obviamente, dentro desta, o Máster ten unha situación central. O propio director do museo refiríuse en varias ocasións a este tema:
"Para mí la educación es tan básica que cuando llegué creé toda un área dedicada a este tema. Desde ella se trabajan varios niveles de la educación, la primaria y la secundaria, pero también hemos empezado la formación de “alta educación”, una especie de College que en este momento es un máster pero la idea es que sea algo más, que genere profesionales que trabajen en el museo" (sacado de El Cultural).
Cando lin o de "college" soamente puiden rirme. Senón chega a ser pola receptiva actitude dos estudantes e pola profesionalidade dalgunhas profesoras e profesores aquelo non chegaría nin a "colexio".
A Borja-Villel véuselle o primeiro día. Falou de que o alumno debía xerar espazos de discusión, saludounos como "suxeitos políticos" e ata logo. Nunca máis voltou a aparecer por alí.
Non parece que lle importara moito que non contásemos cunhas instalacións adecuadas, nin o frío que pasamos en inverno na Sala de Protocolo, nin que non tiveramos mesas nas que poder tomar apuntamentos, nin que non existira un espazo de discusión efectivo para realizar os traballos (fóra dese mausoleo que é Biblioteca), nin que non houbera un equipo adecuado para a proxección de vídeo, nin que as prácticas foran (na maioría dos casos) un auténtico desastre... fallaron todos os aspectos que dependían do museo directamente e nin el, nin ninguén do seu equipo, fixeron nada para solucionalo.
¿Para que se fai entón un máster nun museo? Pois simplemente para que "quede bonito", para ensinalo aos medios de comunicación e dicirlles o importante que é a educación, cando a realidade vivida foi de absoluto desinterese. Unha cuestión sen contido, como a do Reina concebido como espazo público. Outro gran mito. Pura imaxe...
Para non deixar tan mal sabor: En días posteriores haberá que falar da remodelación da Colección Permante. Aí si que o fixeron bastante mellor que na cuestión pedagóxica.
Etiquetas: Arredor do Reina
28.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Retorno a Periféricos, retorno ao real (de novo Hal Foster), retorno ao cinema (xa tiña gañas de ver algunha película, esta tarde tocaralle a Fassbinder no cine do Círculo de Bellas Artes), retorno aos traballos (a proposta teórica da III Bienal de La Habana) e retorno ao Reina (hoxe será o día da agardada remodelación personalísima que fixo Borja-Villel da Colección Permanente do Reina Sofía).
Moitos retornos que espero que me dean bastante que escribir tras estes días de tediosas actividades burocráticas. Tras estes días de "procastinacións" nos que andiven futureando con pouco éxito e ningunha decisión.
Etiquetas: Arredor do Reina
20.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Onte chamoume a atención a presenza no auditorio dun famoso presentador, experto en institucionalizar a provocación. Estaba no medio, sentado entre o público. Eu pensei que tería algún irmán ou algunha irmá (nova investigadora, estudante ou do persoal administrativo da universidade) que iría a recoller algún premio.
Na mesa do acto estaban o Reitor, o Presidente do Consello Social, un representante do Banco Santander, a Secretaria do Consello Social e Esperanza Aguirre, presidenta da Comunidade de Madrid.
No intre en que comezou o acto académico o famoso presentador interrumpeu ao Reitor e dirixíndose a Esperanza Aguirre empezou a cantar unha canción. A peza contou co acompañamento de dous acólitos, moito menos coñecidos aínda que con algunha experiencia previa no mundo da televisión.
Interpretaron terriblemente un tema musical (teño gañas de ver como a amañan en postproducción) no que se pedía que Gallardón, alcalde de Madrid, e Esperanza Aguirre non discutiran tanto (temática tremedamente orixinal).
A xente aplaudíu a actuación, eu tamén (xa se sabe que neste tipo de actos un aplaude case por inercia) e despois largáronse a fume de carozo como se os levara o demo. Esa foi a implicación política que tivo esta perfomance mediática que ten como único obxectivo atraer a audiencia a través dunha provocación impostada.
O acto seguíu como se nada tivera pasado (a ninguén lle importaba o que fixeran) e despois da cerimonia servíuse unha copa de viño español.
Eu tomei un par de vasos de Coca-Cola porque tiña pensado aproveitar a tarde estudando (cousa que finalmente non fixen) e degustei gran cantidade de pinchos (os fríos moi bos e os quentes bastante resesos).
A iso das dúas e media regresei a casa co meu diplomiña, vía Cercanías e Metro, e boteime unha sesta de longa duración.
Despois dinlle os últimos retoques, de novo, ao traballo de autonarracións e imprimino porque finalmente non se pode entregar vía mail. Por iso perdín toda a mañá de hoxe indo a ese monstruo que é a Complutense para deixalo no buzón físico da profesora.
Con todos estes líos a temática da exame que teño o sábado segue inédita para min. Nun sistema de producción industrial resulta complicado ser un alumno "excelente".
Etiquetas: Arredor do Reina
19.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
O traballo "La expansión de lo íntimo (Autonarraciones audiovisuales y cibernéticas)" xa está entregado.
A cousa non sei que tal pintará (a nivel de nota) porque creo que é un traballo bastante arriscado para un máster de arte. O fácil sería ter escollido a un fotografo ou a un videoartista (a alguén cun amplo recorrido nos espazos artísticos) e traducir as teorías que xa están relatadas sobre arte e autobiografía (citando textualmente a Foucault e demáis). Pero intentar falar de blogs, novas redes sociais, chat shows, extreme makeovers, reality shows e documentais performativos dende dentro e con exemplos moi coñecidos do noso contexto máis próximo, pois ten o seu aquel. Porque finalmente moito citar a Benjamin pero a teoría artística segue sendo tremendamente aurática e as auras so brillan dende a lonxanía.
Onte reunión administrativa e decepcionante sobre o módulo práctico e hoxe teño que ir a Xetafe á recollida dun premio de nome aparatoso pero que se traduce econicamente en pouquiña cousa.
Non teño nin idea do que farei para o ano, só sinto que as décadas pasan, que a xente faise cada vez máis maior, que teño moito que facer esta semana e que estou durmindo fatal.
Para o que comparta conmigo este estado de existancialismo barato recoméndolle calquera dos derradeiros filmes de Joaquín Jordá. Intelixencia entre tanta mediocridade.
Etiquetas: Arredor do Reina
16.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Comezo por fin a escribir o traballo de autobiografía. Non sei moi ben cara onde vou pero polo menos estou indo (que xa era hora). De todos os xeitos non teño nada claro se me dará tempo a rematalo en tempo porque teño moitas cuestións pedagóxicas-burocráticas por medio.
Hoxe tocou novas redes sociais, bitácoras e "a necesidade de localización" como actitude de resistencia. Mañá dareille volta ás autonarracións televisivas. Teño gañas xa de chegar ao cinema e a Jordá (hai dúas semanas que me tiña que ter chegado a súa biografía á biblioteca La Central pero todavía estou agardando).
Madrid está en festas pero me parece que pouco vou disfutar delas.
Etiquetas: Arredor do Reina
12.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Faleceu Antonio Vega. A súa voz fráxil era un oasis no deserto inmenso do petardeo cultural, entre tanta palabrería pretenciosa as súas cancións eran autobiografías veladas, versos humildes e melancólicos, patoloxicamente melancólicos, un refuxo eremítico para os días medievais.
O tempo mata e entre tanto eu sego perdendo o tempo con actividades burocráticas que a ninguén lle interesan. Facendo un máster que o museo anuncia con pompa pero que logo resulta un tremendo bluff pola seu propio desinterese. Gañando algún premio de excelencia universitaria que serve máis para reforzar a imaxe institucional da entidade académica que para mellorar a condición de vida dos premiados.
Etiquetas: Arredor do Reina
8.5.09
Arredor do Reina (Mes B)
Entre DOCUMENTA Madrid e a conferencia da Complutense deixei de ser por uns días un satélite do Reina Sofía.
En DOCUMENTA os de sempre trátanme como sempre, é dicir, moi ben. A verdade é que é un luxo compartir con todo o equipo oficina de produción. Ademáis aprendo moito sobre novos e vellos realizadores e descubrín algunha obra que paga a pena.
Na conferencia "iconódula" tamén todo saíu moi ben. Había moito traballo de pre-produción nela e algunhas lecturas. Creo que foi agradable para todos e houbo opinións posteriores porque este tema de tradición e modernidade, identidade e globalización, homoxenidade e resistencias, tribus apocalípticas e integrados macdonalizados sempre da bastante que falar.
O malo é que estou descoidando os traballos e demáis asuntos académicos (burocracia inútil).
Etiquetas: Arredor do Reina