28.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Paso a mañá pensando na exposición sobre libro de Warburg que teño que facer o mércores. Canto máis leo o texto máis me gusta, iso que a primeira vez que o lin pareceume unha auténtica chorrada.
Creo que vou articular a miña parte da exposición en tres temas: a serpe como símbolo transcultural, a metodoloxía que Warburg utiliza para elaborar o artigo e a contextualización do texto como parte da terapia psicoanalítica que estaba a seguir.
Pola tarde vou ao museo a discutir as propostas cun par de compañeiros. Como non temos sitio de reunión ocupamos un despacho do departamento de exposicións para falar do traballo. A conversa é moi interesante, van saíndo novos temas, novas visións... Pero temos moi pouco tempo para montar todo ese discurso.
A iso das sete e media vamos a Patronato. Vemos como o director do museo está traballando no seu despacho e nós falamos de futuro(s) e posibilidade(s) que se plasman nun documento nada maximalista. A ver que sae de aí...
Etiquetas: Arredor do Reina
27.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Releo O ritual da serpe de Warburg e gústame máis que a primeira vez que o lin. Completo a información do texto con cousas que vou atopando por internet, wikipedia incluída, enciclopedia on-line que pon en crise o monopolio do "coñecedor" e da alta cultura. É certo que ten erros (¿Que enciclopedia non os ten?) pero o que sorprende é a gran variadade de temas que hai e a actualización que teñen. Non sei porque aínda non me animei a colaborar, creo que é por vergoña. Ademáis ¿sei de algo tanto como para xerar unha entrada nunha enciclopedia?
As 14:30 vou á biblio do Reina. Leo "La escultura negra" de Carl Einstein que formaliza, homoxeniza e desritualiza o tipo de creacións das que trata neste artigo e este texto de Justo Pastor Mellado. Unha reflexión sobre a arte chilena na que, a través do concepto de "transferencia", externaliza o panorama histórico-artístico nacional chileno dos sesenta primeiros anos do século XX e constrúe unha teoría que obvia a importancia que os chilenos tiveron dentro da configuración do seu propio relato histórico-artístico.
Primeiro fala dunha "transferencia galega" protagonizada por Sotomayor (que foi presidente da academia artística chilena). A súa presenza (de menos dunha década) marcaría un "inconsciente gallego" (sic.) que perduraría cincuenta anos, sendo o gran responsable da incorporación tardía á modernidade de Chile.
Por outro lado estaría a "transferencia catalana" que tería como suxeito único a José Balmes, que viviría tan só durante os seus primeiros anos de vida en Cataluña e logo marcharía coa súa familia a Chile no mítico Winnipeg.
Realmente Balmes fórmase como artista en Chile entón ¿Son suficientes os argumentos que Justo Pastor Mellado articula para falar verdadeiramente dunha "transferencia catalana"? ¿Poden dous individuos marcar a arte dun país durante sesenta anos? ¿Por que soamente hai "transferencias"? ¿Que pasa co resto da actividade artística chilena?
Parte destas cuestións plantexeillas criticamente a este teórico chileno no encontro que tivemos con el no Auditorio de Sabatini. Pastor Mellado contestoume amabablemente e sorprendido porque tivera lido ese artigo pero non me aclarou nada. Recoñece que o seu artigo é unha ficción pero unha ficción, di el, "que funciona".
Da clase que tiven xusto antes en Patronato pouco hai que contar. Tema moi interesante (Le Corbusier e as colmeas) pero eu xa lera o libro.
Etiquetas: Arredor do Reina
26.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Remataron as proxeccións dos "Rencontres". En Madrid só queda deles a mostra de audiovisuais que está na antiga Tabacalera, futuro Centro Nacional de Artes Visuais. Un espazo marabilloso que agardo que teña unha intervención mínima por parte do grupo de arquitectos que lles tocará remodelalo.
Hoxe paso no Reina dende as 11:30 ata as 22:00 parando unha horiña e media para comer na casa. Definitivamente penso que como xarrón non luzco moito.
A mesa redonda de directores de festivais programada para as 12:00 moderada por Carlos Heredero comeza con corenta minutos de retraso e remata as 14:20 con tan só unha única pregunta feita polo público.
Pola tarde as sesións (que tamén se inician con retraso) centradas no audiovisual español son bastante decepcionantes. Na primeira hai problemas técnicos con On Traslation: Fear/ Miedo de Muntadas e na segunda comézase media hora tarde por cuestións de incompatibilidade de formatos. Algo que xa tiña que ter previsto a organización.
O mellor destes pases foi escoitar falar ao cineasta asturiano Jorge Rivero da súa obra La Presa.
Rencontres finaliza con Political Adverstisement VII realizada (máis ben editada) por Antoni Muntadas e Marshall Reese. Muntadas non veu e é Reese quen fai a presentación deste exercizo de memoria. Un filme de metraxe buscado que recolle anuncios de propaganda política dende a década dos cincuenta, aínda que polas gargalladas do público ben parecese que estabamos a ver unha comedia das boas.
Por primeira vez, no que eu asistín de Rencontres, hai unha gran participación do público. É interesante a pregunta que lle fai un compañeiro de máster sobre si a reacción do público estadounidense é similar á que tivemos en Madrid. Reese contéstalle que si.
Eu penso que aínda que son documentos históricos de arquivo hai unha implicación política dos autores. Non é casualidade poñan os créditos e despois dos seus nomes un efectista vídeo en favor de Obama (imaxes coas que se queda o espectador). O vídeo do que falo é máis ou menos como este.
Así que lle pregunto sobre a súa posible implicación política (cuestión que pechou esta edición de Rencontres) e Reese vaise polos camiños de Internet e o novo rol dos internautas pero non me da ningunha resposta.
A sesión remata as dez pasadas e o co-director deste filme agasállanos á xente do público cun póster da película.
Esta proxección foi un bó final para os Rencontres. É unha mágoa que no audiovisual español (aínda que hai proxectos semellantes) non se prodiguen estos exercizos autorreflexivos (con grandes excepcións como a triloxía de Patino).
Etiquetas: Arredor do Reina
23.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Onte pola noite entérome do cese do encargado da galería/tenda de Sargadelos Madrid. Noutro tempo a galería de Sargadelos foi un punto de encontro da cultura galega en Madrid, un espazo que nacía propiciado por un dos exemplos máis interesantes de industria cultural que houbo no estado español da segunda metade do XX pero as cousas parece que xa non funcionan tan ben e que o único que interesa é vender unha louza que pouquiño valor ten despolitizada e desvencellada da cultura que representaba. Ao paso que vamos pronto veremos que a maioría dos Sargadelos son made in China e se venden en todas as grandes superficies.
Hoxe adico toda a mañá a tarefas administrativas, a ler tres artigos sobre autobiografía e cinema (Lejeune, Alain Bergala e Domènec Font) e a facer "salmorejo" que xa chegou a calor a Madrid, un prato que me ensinou unha compañeira andaluza.
Sen dúbida Andalucía foi o gran descubrimento desta etapa xetafense/madrileña. Os catro días que pasamos o pasado verán en Vejer e nas praias de Cadiz (¡Que ben saben as "shandy" na praia!), a viaxe express a Málaga e a excursión primaveral a Sevilla cos seus Murillos no Museo de Belas Artes -eses si-, a sensualidade do Alcázar, a sexualidade do azar no aire, os rebujitos, as tapitas, o carril bici con case todas as bicis estropeadas, o Guadalquivir iluminado pola noite, as terrazas, as múltiples posibilidades que ofrece un CAAC infrautilizado, a xente nas rúas, os ensaios de Semana Santa, a serenidade performartiva dos fieis do Gran Poder, os seus tranvías inútiles e o seu tráfico imposible.
Pola tarde pásome pola biblioteca do museo onde fotocopio parte do catálogo de Urbanitas (penso que vou a facer algunha referencia a esta mostra na conferencia que vou dar na Complutense). Tamén vou a La Central e encargo a biografía de Jordá feita por Laia Manresa. Unha homenaxe que me dou no quinto aniversario de PERIFÉRICOS, aniversario que coincide co día do libro.
Intento pasarme por unha sala do edificio Nouvel onde está exposta de xeito temporal parte da colección permante. A muller de seguridade négame o paso, dime especificamente que "los del máster no podéis pasar, están desmontando y está el director y toda la gente importante". ¿Ese é o interese que ten o Reina en ensinarnos?
Despois subo á costa de Moyano e vexo que nun posto hai unha oferta de dous libros por un euro. Entre o revoltallo atopo ¡Castigados sin tele! la televisión, definitivamente, es un cuento (FNAC, 2006) que trae artigos de Bordieu, Ramonet, Chion, Erice, Lolo Rico, Sánchez Ferlosio, Savater, Juan Cueto e Vázquez Montalbán (entre outros). Así que aproveito a ocasión para mercalo. Como para facer efectiva a oferta teño que levar dous libros elixo o exemplar que teñen da revista Arte y Parte.
As sete menos cinco chego ao Museo do Prado no que exercito o dereito/deber que teño como bolseiro da primeira Cátedra do Prado: a asistencia obrigatoria a todas as conferencias do ciclo El museo: hoy y mañana.
Crúzome con Zugaza (dúas veces nunha semana) que puntualmente agarda co seu aspecto habitual (brillantina, traxe escuro, garabata escura e zapatos negros) por Michel Leclotte.
No auditorio da ampliación do Prado atópome cunha compañeira do máster (tamén bolseira da cátedra) e con Isaac Marcel que me di que estou a monopolizar a bitácora. A situación é bastante desagradable porque me reprocha que ninguén sabe quen son, ao contrario do que sucede cos outros colaboradores desta bitácora (Marga Román, María Xosé, Uxío Marsuco, Borjamari...) e que el ten máis dereito a escribir porque leva máis tempo escribindo no blog. Tento explicarlle que as cousas cambian e que el tampouco estaba hai cinco anos, cando todo esto comezou.
Etiquetas: Arredor do Reina
22.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Remato El transformismo... e tres artigos que encontrei na web sobre bitácoras (os tres bastante malos). Reflexiono sobre esta bitácora que escribo (que algunha discusión me ten costado) e non encaixa ben no debuxo que trazan estes escritos sobre os blogs e os blogueiros. PERIFÉRICOS nace da vontade, non de ser lido, senón de ser contado. Por iso, tampouco está poboado de hiperligazóns e non xera ningún tipo de comunidade arredor seu. E máis, nin tan siquera ten un tema ou un estilo preponderante.
PERIFÉRICOS é tan só unha bitácora de identidade nómade, un extraño diario no que se acumulan anotacións heteroxéneas e que mañá discretamente cumpre cinco anos.
Para comer onte tocou fast food pero hoxe toca carne da carnicería do barrio. Aínda así, a carne que merco en Madrid é bastante peor que a que se encontra en calquera súper de Galicia, e non podemos comparar se falamos de peixe.
Despois do xantar marcho para o Reina. Como hai reunión en patronato e a outra sala que usabamos forma parte da expo de Juan Muñoz, hoxe improvisamos aula no Auditorio 400. Nunca estivera nel, impresiona o tamaño xigantesco da pantalla e o espazo é moito máis grande do que imaxinaba. As posibilidades que ofrece o Reina e as poucas cousas que se fan nel...
Hoxe asiste como profesora invitada ao máster a artista Crisitina García Rodero. É a segunda artista que pasa polo curso de posgrao, as primeiras foron o tándem Cabello/Carceller, un número decepcionantemente reducido.
Gacía Rodero proxecta as súas fotos de Haití na inmensa pantalla (aínda que por cuestión de proxector ocupaban menos da metade) ao ritmo de música étnica. Hoxe tamén houbo problemas técnicos, todo un clásico.
Teño que recoñecer que esteticamente as fotos son impecables, teñen moita forza pero parécenme moi de "artista etnógrafo migrante".
Hai que recoñecerlle a Cristina a súa militancia e a súa paixón polo seu oficio pero algunha das imaxes que mostrou son moi de postal de "pioneiro" descubrindo novos mundos.
Teño dubidas se estas imaxes de "outredades" reforzan o estereotipo e/ou sirven para darlle a visibilidade da que estos pobos carecen.
Gústanme máis outras das súas indagacións sobre o carnal e o espiritual. Cuestións básicas para unha artista que quere "hablar de la vida" e que sempre ten o ser humano (tanto física como conceptualmente) no seu obxectivo.
Saio de clase e vou a unha terraza de Argumosa (non ao bar de onte) a tomar unha caña tranquilamente cuns amigos cos que sempre se pode falar cousas interesantes.
O día primaveral invita a máis pero eu teño que ir mercar ao Lidl do barrio, un dos sitios máis multiculturais e interclasista de Madrid.
Etiquetas: Arredor do Reina
21.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Esperto, outro día máis, cun pesadelo horrible por demasiado cercano. Fago un pouco de lectura do Trasformismo televisivo. Postelevisión e imaginarios sociales de Gerard Imbert (Cátedra. 2008) e marcho para o Reina porque toca visita ao desmontaxe de Paul Thek. Con este tipo de "traballo de campo", case de antropólogo, é co que máis disfruto. Sen dúbida, o mellor intre do máster foi cando fomos ao obradoiro de restauración do Prado e vimos manipular un Greco, un Bosco, e, sobre todo, a Eva de Durero.
Despois da visita atopámonos cun profesor do máster que nos ensina a mostra de Juan Muñoz. Vemos a sala de protocolo e el nos comenta que é a segunda ocasión que se abre para unha exposición, a primeira vez foi Boltansky quen a utilizou.
A idea é boa, pero penso que quedou infrautilizada. Sería un excelente espazo para explotar a teatralidade de Muñoz e non para expoñer cadros, que é o que hai. É curioso como agora esta sala me parece un espazo case doce, moito menos macilento que cando dabamos clase alí en pleno inverno e sen calefacción.
Seguimos ao profesor e sen darnos conta aperecemos na visita dos VIP. A verdade é que chamabamos máis atención nós coas nosas pintas de estudiantes (mochilas incluidas) que calquera dos outros entraxetados ou enxoiadas. Nese contexto sentíame como un pez fóra da auga, ese recurso tan habitual á hora de imaxinar un guión. O certo é que tiña o seu aquel vernos no medio de Zugaza, Jiménez, Todolí, Villel, Solchaga, Alborch e demáis parroquia.
No percorrido pola expo coñezo a terraza da terceira pranta (é máis grande do que imaxinaba) onde colocaron unhas obras de Juan Muñoz moi apropiadas para ese espazo.
Aos pinchos previos á comida xa non nos colamos nin de coña. Finalmente marchamos entre risas. Vimos unha desmotaxe dunha exposición, tivemos a oportunidade de ver a mostra de Muñoz case sen xente e, sobre todo, pasámolo moi ben (incluso nos sacamos algunhas fotos).
Non me da tempo a pasar por casa así que quedo para comer na Gran Vía. Como se achega o día do libro hai postos nos que se poden mercar en plena Gran Vía boas edicións moi baratas. Aproveito a ocasión e agasálloa co libro Querida Gala que escribiu Estrella de Diego.
Para comer optamos por "fast food" e a verdade é que a hamburguesa de polo que nos dan está moi boa. O postre tomámolo na competencia porque o xeado é máis barato.
Paso por casa e vexo que me van pagar a conferencia que vou dar na Complutense (non está mal) e envío os datos necesarios para este trámite. Sen tempo para máis marcho para a clase monográfica do carteiro Cheval, marxivagante arquiescultor, que construíu a base de "querer é poder" o seu Pazo Ideal, edificio que para Malraux o facía ser o único arquitecto naif do mundo.
Hoxe, de novo por problemas técnicos, tampouco podemos ver a proxección do filme que estaba previsto e rematamos a clase a iso das 19:30.
Logo tomamos algo nun bar que queda ao comezo da rúa Santa Isabel e algúns compañeiros vamos á inauguración de Juan Muñoz. Eu, como xa a vin, nin intento subir porque hai moitísima xente.
Disfrutamos do cocktail precario, coas súas abelás e os seus froitos secos, no patio central do Reina e marchamos a un bar de Argumosa onde non sei porque seguimos indo porque nos tratan fatal. Alí falamos de "poética/política" e de dereitos estudiantís. A ver se, por unha vez, a cousa se concreta e non queda en verbas, verbas, verbas... ou en discursos maximalistas e persoais que o único que fan é paralizar as accións "poéticas/políticas".
Etiquetas: Arredor do Reina
20.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Remato os artigos de Nichols e Bruzzi de Postverité e saco algunhas ideas sobre o documental performativo. Teño ideas pero todavía non escribin nin unha páxina do miniensaio de Jordá.
A eso das catro e media saio da casa para ir ao museo. Paso pola libraría "La Central" antes de ir a clase (breve e fugazmente) e subo á quinta pranta do Nouvel onde toca sesión de "primitivismos". Hoxe damos a Rosseau e a algún pintor "inxenuista" máis. A verdade é que no máster sobra arte de inicios do XX e falta audiovisual do XXI.
Despois do curso paso de novo por "La Central" na que vexo cousas interesantes pero non merco nada. Logo, hoxe si, cae unha caña postclase en "El Frontón", un bar con certo aire de decadente que queda cerca da miña casa. Sentados nos seus sillóns falamos de proxectos...
Etiquetas: Arredor do Reina
19.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Madrugo de xeito inusual para ser un domingo e leo algúns artigos de Autobiografía en España: un balance (Visor, 2004) - libro no que Joaquim Ventura fai un polémico retrato de Castelao a través do diario 1921- e tamén algo de Postverité (Centro Párraga, 2003).
Pola tarde vou aos Recontres que hoxe son no Auditorio 200. Entro no Reina por detrás (por onde entran os camións) porque os domingos pola tarde o museo está pechado. Hai bo ambiente entre o equipo do ciclo, algo que sempre se agradece.
A primeira sesión (a das seis) está moi ben, sobre todo Hell Hotel (Tobias Yves Zintel, 2007) chea de rapazas e rapaces hieráticos (coa excepción dun desgarradoramente primitivo) que recitan con voz tratada por ordenador textos de autores como Loos ou Shakespeare e tamén do propio director. É curioso porque Hell Hotel nace primeiro como son. O son fíxose primeiro e posteriormente se sincronizaron as imaxes. A intervención dos rapaces fascinados vai interrompida por fragmentos de natureza e por actuacións musicais (esta é unha, impresiona máis en pantalla grande e co sonido alto). Todo moi "institucionalmente provocador", todo moi warholiano.
A primeira sesión remata coa curta de Izebene Oñederra, que xa estivera en ANIMADRID. A verdade é que todas estas propostas do tipo Rencontres, e, polo xeral, as do Reina, van por detrás dos festivais, que son os que verdadeiramente marcan a pauta das novas tendencias.
A primeira sesión remata coa curta de Izebene Oñederra, que xa estivera en ANIMADRID. A verdade é que todas estas propostas do tipo Rencontres, e, polo xeral, as do Reina, van por detrás dos festivais, que son os que verdadeiramente marcan a pauta das novas tendencias.
Na seguinte serie de curtas (na das oito) vexo a Secret strike Radobank (Alicia Framis, 2004-2008), creación na que todos os traballadores aparecen como figuras paralizadas mentras realizaban o seu traballo, convértense así en estatuas que deixan de producir nun contexto no que todo o demáis segue funcionando. Penso que este tipo de propostas de Framis teñen máis sentido no "cubo branco", acompañadas doutras creacións como a que realizou en Inditex, que illadas no "cubo negro".
O resto das películas xiran tamén arredor do mundo laboral, pero son moi aburridas ou panfletarias. A verdade é que remato algo saturado.
Etiquetas: Arredor do Reina
18.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Pola mañá fago unha visita de flaneur apresurado á mostra de Antonin Artaud e logo me paso polo ciclo de conferencias Pensar el Presente, no que hai unha mesa redonda na que participa o futuro exdirector do CGAC Manuel Olveira, o xestor Vít Havránek e Jordi Balló, profesor de comunicación audiovisual e director do Máster de Documental Creativo da UPF, a iniciativa de pedagoxía audiovisual máis exitosa do estado español (polo menos nos últimos anos). Nalgúns dos filmes que manexo para o miniensaio de autobiografía e Jordá, Balló aparece acreditado como produtor executivo porque naceron no seo deste curso de posgrao.
Pola tarde, chego ás catro e media ao Reina e vexo na planta cuarta Uts Cero de Javier Aguirre. Foi todo un acerto que o Reina adquirira o seu ciclo de anti-cinema para que forme parte da colección. Neste aspecto as cousas van moito mellor do que foron nos mandatos de anteriores directores/directoras.
Ás cinco e cuarto vou ao Auditorio de Sabatini cunha compañeira de prácticas. Tócanos ser unha especie de ligazón entre o museo e o ciclo "Recontres Internationales", o que se traduce basicamente en que temos que estar pendentes de que se respecten os horarios e de que as proxeccións se fagan nas mellores condicións (algo absolutamente imposible no estado no que se atopa o proxector deste auditorio).
Polo tanto, quédome nos dous pases de curtas (é dicir dende as seis ata as dez) e vexo cousas interesantes, sobre todo no segundo.
Se tivera que elixir unha curta, quédome con Brises de Enrirque Ramírez, unha reflexión dende a pequena memoria da historia de Chile. "La historia es nuestra, la historia es mía."
A cousa remata as dez en punto (en teoría a esa hora pecha o museo) pero a xente queda falando un pouco á saída da proxección. Na noite impresionan máis as figuras de Juan Muñoz que hai colgadas do teito. Á miña compañeira de prácticas e máis eu saímos os últimos dun museo no que só quedan algúns gardas de seguridade e Ataúlfo, a panstasma do Reina, que xa se sabe que no mundo da cultura contemporánea abundan as pantasmas.
Etiquetas: Arredor do Reina
15.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Paso a mañá lendo. Remato o libro de Weinrichter e todos os artigos que fotocopei onte. Todavía non teño nada claro o traballo e sinto como o tempo se me bota enriba ¡Mecago no tempo! Creo que vou estruturar o miniensaio en dúas partes (unha introductoria e outra centrada exclusivamente no caso de estudo que é o filme Más allá del espejo de Joaquín Jordá).
Pola tarde tiña que ir, en teoría, a unha reunión no museo na que me ían explicar en que vai consistir o meu rol nos "Rencontres Internationales", creo que vou facer de xarrón e non sei se estarei esteticamente preparado.
Pero finalmente non podo ir porque o encontro coincide coa clase (de asistencia obrigatoria). Hoxe toca unha lección sobre Warburg ben interesante pero a ausencia de luz na sala invita á sesta. A sesión termina coa proxección da etnográfica Moana (R. J. Flaherty).
Ao recoller vexo dende a sala de patronato que o director está traballando no seu despacho (non é mala cousa). Baixo e non me apunto ao cañeo prefiro irme só á libreria Central. Sei que non vou mercar nada pero gústame entrar nas librerias aínda que só sexa para ver os libros, as novas edicións que teñen, as novidades que saen... Na Central non teñen case nada sobre tele (¡Faltaría máis!) e pouco sobre redes. Nas librerías o tempo pasa rapidamente e cando me dou conta xa son as nove ¡Maldito tempo!
Etiquetas: Arredor do Reina
14.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Pouco despois de erguerme leo a crítica que lle fai (con razón) Alberto Elena ao ciclo Off-Bollywood que organizou o Departamento de Audiovisuais do Reina (publicado no número 21 en Cahiers du Cinema España).
Continuo a mañá co coñazo administrativo que supón redactar a memoria das prácticas do curso que fixen na Complutense para obter o Certificado de Adaptación Pedagóxica porque, parece ser que esta vez si, vou ser un dos "últimos de Filipinas" antes de que entre en vigor o temido master á boloñesa que substituirá a un curso que non ten nin xeito nin dereito.
O documento final quédame en máis de 50 páxinas que envío vía correo certificado (sete euros e pico) ao Instituto de Ciencias de Educación da Universidade Complutense. O feito de que ese ser anónimo que me calificará lea ou non a (des)memoria que perpetrei dame bastante igual porque o único que desexo é que me dean o título e que a memoria descanse en paz nalgún soto ou que, polo menos, teñan a delicadeza de reciclala.
Volto a casa e póñome coa lectura de Desvío de lo real. El cine de no ficción escrito por Antonio Weinrichter no que busco ideas para o pseudo-ensaio que estou escribindo sobre autobiografía, televisión, cine e Joaquín Jordá.
Despois de comer vou ao Reina, onde quedei cos compañeiros cos que fago as prácticas telemáticas de xestión cultural. Prácticas bastante "pachocheiras" que non deberían ser a distancia pero no departamento non hai espazo físico para ninguén máis e iso que os despachos están na irregular (por utilizar un eufemismo) parte nova de Nouvel.
En fin... que non haxa sitio para reunirnos supón que temos que ir á Casa Encendida porque o Reina non ten un lugar no que podamos falar tranquilamente do tema. Curioso espectáculo o de ver o museo nacional pechado (por ser martes) e a sede da fundación de Caja Madrid chea de xente.
Subimos á terraza porque non se pode acceder ao patio. Temos sorte porque aínda que o día non acompaña non nos chove e tampouco vai frío.
Falamos da nosa mini-mostra de activismo na rede que se insertará como apéndice dentro dun ciclo de resistencias varias. Decidimos dividila en hacktivismo, ciberfeminismo, net.art e vídeos que ilustren a actividade ético/estética na rede. Non sei en que quedará a cousa pero ten boa pinta, aínda que moitas obras pioneiras teñen un aspecto obsoleto e, ademáis, resulta difícil ilustrar as accións conceptuais das que hoxe só quedan textos.
Ao final da conversa xorde a posibilidade de ir ao ciclo "Fragmentos del Este" pero finalmente elixo o deber profesional e vou a biblioteca/mausoleo a fotocopiar textos (porque os libros non se poder levar a casa).
Fago copias de artigos de Paul de Man, Nora Catelli e Estrella de Diego. Por suposto, quédome sen pasta (a máquina só admite moedas) así que teño que saír. Opto por ir á farmacia máis próxima e merco un paquete de tila que falta me fará co mes que teño.
Volto á biblioteca. Fotocopio a reseña que fai R. Krauss en "October" sobre Robert Rauschenberg e un par de artigos que se publican no "Exit Express" deste mes. Como non sorprenderá ao lector de PERIFÉRICOS, metín cartos demáis e tiven que improvisar un par de textos para fotocopiar. Para ese fin pido o número 124 da revista "Lápiz" (que resultou estar extravíado) e o 10,11 e 12 de "Exit Express" (o 11 tampouco sabían onde estaba). ¡Menos mal que non deixan levar os libros para a casa!.
Elixo a fume de carozo un par de textos insustanciais para fotocopiar e marcho cando a biblioteca xa está a piques de pechar.
Etiquetas: Arredor do Reina
13.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Regreso ao museo. Desta volta damos clase na sala de patronato do edificio de Nouvel. Durante o máster alternamos esta aula improvisada co antigo salón de protocolo, no que pasamos máis frío que o demo o pasado inverno -non ten calefacción- e que agora está ocupado porque forma parte da próxima mostra de Juan Muñoz. En realidade, o Reina non está preparado para albergar un curso de posgrao, non conta coas infraestruturas necesarias e a dirección do museo ten moito interese en que o máster apareza na súa web pero pouco en amañar aqueles aspectos que dependen deles. Cousas de ser a primeira promoción din eles... a ver se aos da segunda lles vai mellor.
Toca clase formalista de cinco a oito... que de vez en cando non está mal dar protagonismo aos artistas e ás súas prácticas e non a textos de filósofos que interpretan o mundo da arte en xeral, como un ente inconcreto, deslocalizado, homoxéneo e case esencial. Ademáis a "autonomía crítica" pode ser tamén un bo instrumento político.
Por certo, na clase o profesor anunciou exclusiva. A dirección do Reina vai deixar que saquen fotos na salas (¡Xa era hora!). Como pasou coa wifi na biblioteca, este é outro xesto dunha institución transatlántica que busca navegar de xeito máis lixeiro pero que todavía ten moito armatoste que botar ao mar.
Etiquetas: Arredor do Reina