22.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Remato El transformismo... e tres artigos que encontrei na web sobre bitácoras (os tres bastante malos). Reflexiono sobre esta bitácora que escribo (que algunha discusión me ten costado) e non encaixa ben no debuxo que trazan estes escritos sobre os blogs e os blogueiros. PERIFÉRICOS nace da vontade, non de ser lido, senón de ser contado. Por iso, tampouco está poboado de hiperligazóns e non xera ningún tipo de comunidade arredor seu. E máis, nin tan siquera ten un tema ou un estilo preponderante.
PERIFÉRICOS é tan só unha bitácora de identidade nómade, un extraño diario no que se acumulan anotacións heteroxéneas e que mañá discretamente cumpre cinco anos.
Para comer onte tocou fast food pero hoxe toca carne da carnicería do barrio. Aínda así, a carne que merco en Madrid é bastante peor que a que se encontra en calquera súper de Galicia, e non podemos comparar se falamos de peixe.
Despois do xantar marcho para o Reina. Como hai reunión en patronato e a outra sala que usabamos forma parte da expo de Juan Muñoz, hoxe improvisamos aula no Auditorio 400. Nunca estivera nel, impresiona o tamaño xigantesco da pantalla e o espazo é moito máis grande do que imaxinaba. As posibilidades que ofrece o Reina e as poucas cousas que se fan nel...
Hoxe asiste como profesora invitada ao máster a artista Crisitina García Rodero. É a segunda artista que pasa polo curso de posgrao, as primeiras foron o tándem Cabello/Carceller, un número decepcionantemente reducido.
Gacía Rodero proxecta as súas fotos de Haití na inmensa pantalla (aínda que por cuestión de proxector ocupaban menos da metade) ao ritmo de música étnica. Hoxe tamén houbo problemas técnicos, todo un clásico.
Teño que recoñecer que esteticamente as fotos son impecables, teñen moita forza pero parécenme moi de "artista etnógrafo migrante".
Hai que recoñecerlle a Cristina a súa militancia e a súa paixón polo seu oficio pero algunha das imaxes que mostrou son moi de postal de "pioneiro" descubrindo novos mundos.
Teño dubidas se estas imaxes de "outredades" reforzan o estereotipo e/ou sirven para darlle a visibilidade da que estos pobos carecen.
Gústanme máis outras das súas indagacións sobre o carnal e o espiritual. Cuestións básicas para unha artista que quere "hablar de la vida" e que sempre ten o ser humano (tanto física como conceptualmente) no seu obxectivo.
Saio de clase e vou a unha terraza de Argumosa (non ao bar de onte) a tomar unha caña tranquilamente cuns amigos cos que sempre se pode falar cousas interesantes.
O día primaveral invita a máis pero eu teño que ir mercar ao Lidl do barrio, un dos sitios máis multiculturais e interclasista de Madrid.
Etiquetas: Arredor do Reina
Comments:
Publicar un comentario