21.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Esperto, outro día máis, cun pesadelo horrible por demasiado cercano. Fago un pouco de lectura do Trasformismo televisivo. Postelevisión e imaginarios sociales de Gerard Imbert (Cátedra. 2008) e marcho para o Reina porque toca visita ao desmontaxe de Paul Thek. Con este tipo de "traballo de campo", case de antropólogo, é co que máis disfruto. Sen dúbida, o mellor intre do máster foi cando fomos ao obradoiro de restauración do Prado e vimos manipular un Greco, un Bosco, e, sobre todo, a Eva de Durero.
Despois da visita atopámonos cun profesor do máster que nos ensina a mostra de Juan Muñoz. Vemos a sala de protocolo e el nos comenta que é a segunda ocasión que se abre para unha exposición, a primeira vez foi Boltansky quen a utilizou.
A idea é boa, pero penso que quedou infrautilizada. Sería un excelente espazo para explotar a teatralidade de Muñoz e non para expoñer cadros, que é o que hai. É curioso como agora esta sala me parece un espazo case doce, moito menos macilento que cando dabamos clase alí en pleno inverno e sen calefacción.
Seguimos ao profesor e sen darnos conta aperecemos na visita dos VIP. A verdade é que chamabamos máis atención nós coas nosas pintas de estudiantes (mochilas incluidas) que calquera dos outros entraxetados ou enxoiadas. Nese contexto sentíame como un pez fóra da auga, ese recurso tan habitual á hora de imaxinar un guión. O certo é que tiña o seu aquel vernos no medio de Zugaza, Jiménez, Todolí, Villel, Solchaga, Alborch e demáis parroquia.
No percorrido pola expo coñezo a terraza da terceira pranta (é máis grande do que imaxinaba) onde colocaron unhas obras de Juan Muñoz moi apropiadas para ese espazo.
Aos pinchos previos á comida xa non nos colamos nin de coña. Finalmente marchamos entre risas. Vimos unha desmotaxe dunha exposición, tivemos a oportunidade de ver a mostra de Muñoz case sen xente e, sobre todo, pasámolo moi ben (incluso nos sacamos algunhas fotos).
Non me da tempo a pasar por casa así que quedo para comer na Gran Vía. Como se achega o día do libro hai postos nos que se poden mercar en plena Gran Vía boas edicións moi baratas. Aproveito a ocasión e agasálloa co libro Querida Gala que escribiu Estrella de Diego.
Para comer optamos por "fast food" e a verdade é que a hamburguesa de polo que nos dan está moi boa. O postre tomámolo na competencia porque o xeado é máis barato.
Paso por casa e vexo que me van pagar a conferencia que vou dar na Complutense (non está mal) e envío os datos necesarios para este trámite. Sen tempo para máis marcho para a clase monográfica do carteiro Cheval, marxivagante arquiescultor, que construíu a base de "querer é poder" o seu Pazo Ideal, edificio que para Malraux o facía ser o único arquitecto naif do mundo.
Hoxe, de novo por problemas técnicos, tampouco podemos ver a proxección do filme que estaba previsto e rematamos a clase a iso das 19:30.
Logo tomamos algo nun bar que queda ao comezo da rúa Santa Isabel e algúns compañeiros vamos á inauguración de Juan Muñoz. Eu, como xa a vin, nin intento subir porque hai moitísima xente.
Disfrutamos do cocktail precario, coas súas abelás e os seus froitos secos, no patio central do Reina e marchamos a un bar de Argumosa onde non sei porque seguimos indo porque nos tratan fatal. Alí falamos de "poética/política" e de dereitos estudiantís. A ver se, por unha vez, a cousa se concreta e non queda en verbas, verbas, verbas... ou en discursos maximalistas e persoais que o único que fan é paralizar as accións "poéticas/políticas".
Etiquetas: Arredor do Reina
Comments:
Publicar un comentario