<$BlogRSDURL$>

18.4.09

Arredor do Reina (Mes B) 

Pola mañá fago unha visita de flaneur apresurado á mostra de Antonin Artaud e logo me paso polo ciclo de conferencias Pensar el Presente, no que hai unha mesa redonda na que participa o futuro exdirector do CGAC Manuel Olveira, o xestor Vít Havránek e Jordi Balló, profesor de comunicación audiovisual e director do Máster de Documental Creativo da UPF, a iniciativa de pedagoxía audiovisual máis exitosa do estado español (polo menos nos últimos anos). Nalgúns dos filmes que manexo para o miniensaio de autobiografía e Jordá, Balló aparece acreditado como produtor executivo porque naceron no seo deste curso de posgrao.    

Pola tarde, chego ás catro e media ao Reina e vexo na planta cuarta Uts Cero de Javier Aguirre. Foi todo un acerto que o Reina adquirira o seu ciclo de anti-cinema para que forme parte da colección. Neste aspecto as cousas van moito mellor do que foron nos mandatos de anteriores directores/directoras. 

Ás cinco e cuarto vou ao Auditorio de Sabatini cunha compañeira de prácticas. Tócanos ser unha especie de ligazón entre o museo e o ciclo "Recontres Internationales", o que se traduce basicamente en que temos que estar pendentes de que se respecten os horarios e de que as proxeccións se fagan nas mellores condicións (algo absolutamente imposible no estado no que se atopa o proxector deste auditorio). 

Polo tanto, quédome nos dous pases de curtas (é dicir dende as seis ata as dez) e vexo cousas interesantes, sobre todo no segundo. 

Se tivera que elixir unha curta, quédome con Brises de Enrirque Ramírez, unha reflexión dende a pequena memoria da historia de Chile. "La historia es nuestra, la historia es mía." 

A cousa remata as dez en punto (en teoría a esa hora pecha o museo) pero a xente queda falando un pouco á saída da proxección. Na noite impresionan máis as figuras de Juan Muñoz que hai colgadas do teito. Á miña compañeira de prácticas e máis eu saímos os últimos dun museo no que só quedan algúns gardas de seguridade e Ataúlfo, a panstasma do Reina, que xa se sabe que no mundo da cultura contemporánea abundan as pantasmas.
 
Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License