14.4.09
Arredor do Reina (Mes B)
Pouco despois de erguerme leo a crítica que lle fai (con razón) Alberto Elena ao ciclo Off-Bollywood que organizou o Departamento de Audiovisuais do Reina (publicado no número 21 en Cahiers du Cinema España).
Continuo a mañá co coñazo administrativo que supón redactar a memoria das prácticas do curso que fixen na Complutense para obter o Certificado de Adaptación Pedagóxica porque, parece ser que esta vez si, vou ser un dos "últimos de Filipinas" antes de que entre en vigor o temido master á boloñesa que substituirá a un curso que non ten nin xeito nin dereito.
O documento final quédame en máis de 50 páxinas que envío vía correo certificado (sete euros e pico) ao Instituto de Ciencias de Educación da Universidade Complutense. O feito de que ese ser anónimo que me calificará lea ou non a (des)memoria que perpetrei dame bastante igual porque o único que desexo é que me dean o título e que a memoria descanse en paz nalgún soto ou que, polo menos, teñan a delicadeza de reciclala.
Volto a casa e póñome coa lectura de Desvío de lo real. El cine de no ficción escrito por Antonio Weinrichter no que busco ideas para o pseudo-ensaio que estou escribindo sobre autobiografía, televisión, cine e Joaquín Jordá.
Despois de comer vou ao Reina, onde quedei cos compañeiros cos que fago as prácticas telemáticas de xestión cultural. Prácticas bastante "pachocheiras" que non deberían ser a distancia pero no departamento non hai espazo físico para ninguén máis e iso que os despachos están na irregular (por utilizar un eufemismo) parte nova de Nouvel.
En fin... que non haxa sitio para reunirnos supón que temos que ir á Casa Encendida porque o Reina non ten un lugar no que podamos falar tranquilamente do tema. Curioso espectáculo o de ver o museo nacional pechado (por ser martes) e a sede da fundación de Caja Madrid chea de xente.
Subimos á terraza porque non se pode acceder ao patio. Temos sorte porque aínda que o día non acompaña non nos chove e tampouco vai frío.
Falamos da nosa mini-mostra de activismo na rede que se insertará como apéndice dentro dun ciclo de resistencias varias. Decidimos dividila en hacktivismo, ciberfeminismo, net.art e vídeos que ilustren a actividade ético/estética na rede. Non sei en que quedará a cousa pero ten boa pinta, aínda que moitas obras pioneiras teñen un aspecto obsoleto e, ademáis, resulta difícil ilustrar as accións conceptuais das que hoxe só quedan textos.
Ao final da conversa xorde a posibilidade de ir ao ciclo "Fragmentos del Este" pero finalmente elixo o deber profesional e vou a biblioteca/mausoleo a fotocopiar textos (porque os libros non se poder levar a casa).
Fago copias de artigos de Paul de Man, Nora Catelli e Estrella de Diego. Por suposto, quédome sen pasta (a máquina só admite moedas) así que teño que saír. Opto por ir á farmacia máis próxima e merco un paquete de tila que falta me fará co mes que teño.
Volto á biblioteca. Fotocopio a reseña que fai R. Krauss en "October" sobre Robert Rauschenberg e un par de artigos que se publican no "Exit Express" deste mes. Como non sorprenderá ao lector de PERIFÉRICOS, metín cartos demáis e tiven que improvisar un par de textos para fotocopiar. Para ese fin pido o número 124 da revista "Lápiz" (que resultou estar extravíado) e o 10,11 e 12 de "Exit Express" (o 11 tampouco sabían onde estaba). ¡Menos mal que non deixan levar os libros para a casa!.
Elixo a fume de carozo un par de textos insustanciais para fotocopiar e marcho cando a biblioteca xa está a piques de pechar.
Etiquetas: Arredor do Reina
Comments:
Publicar un comentario