<$BlogRSDURL$>

10.3.08

Pepepaco ou un eremita no bus 

No camiño de volta a Xetafe viña pensando que co tempo que me paso no bus este medio ben merecería unha etiqueta propia: Pepepaco ou un eremita no bus.

Como pasou nas últimas eleccións autónomicas estas xerais tamén me pillaron nun bus. No 2005 fora nun Arriva rumbo Santiago e desta vez ía nun Alsa rumbo Madrid no que o conductor levaba a radio tan baixiña que apenas se escoitaba e iso que eu ía detrás del, en primeira liña por imposición numérica, nun lugar un pouco incómodo polo contacto visual directo que se ten das imprudencias do "buseiro" e xa se sabe que na ignorancia está a felicidade (por iso prefiro sentarme sempre nas filas do medio).

Na pantalla tiña posto un postpeplum de serie B, así que os móbiles eran o principal medio de información. Non sei ao que se dedicaba a compañeira da "butaca" do carón que recibía constantes chamadas que a informaban do resultado. Dela soamente sei que votara a Zapatero, que era menor de trinta anos e que andaba buscando un piso pola zoa de León para mercalo co mozo ("Tenemos que mirar en los embargos de los bancos porque ahora me han dicho que hay muchos y están muy baratos").

Eu tamén recibín algunha chamada ao móbil dende á miña casa onde as eleccións sempre se viviron con especial intensidade. Agora non ten tanto chiste pola rapidez do escrutinio pero antes quedabámonos ata moi tarde pendentes da tele. As previsións eran moi xenerosas co PSOE, escasas co PP (comparándoas co resultado final) e falaban de que o BNG bailaba entre un e dous escanos (finalmente acadou dous escanos e subíu en porcentaxe de voto en todas as provincias galegas).

Mail

Etiquetas:


|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License