<$BlogRSDURL$>

11.12.06

Artigos de crítica ético-estética ou un aspirante a snob atrapado no sentido común por Isaac Marcel 

Formas, miradas, sonidos e videoxogos
I.-
Son consciente de que non se pode explicar unha obra de arte soamente polo seu contido formal. Como método de investigación resultaría sumamente impreciso pretender elaborar unha historia autónoma da arte, unha explicación interna do percorrido histórico-artístico. Nembargantes tampouco podemos obviar a importancia das formas. Tan mal está explicar a arte sen contexto e sen contido coma sen formas.
A forma é a plasmación da idea. Nunha arte coma a da segunda metade do século XX no que a idea ten tanta importancia, na que se avanza cara a desmaterialización do obxecto artístico semella que o estudo da forma non ten xa sentido.
Pero o ollo, como sempre fixo, segue reaccionando ante as formas. Segue a enviar estímulos ao cerebro para que reaccione ante o que estamos vendo. Non paramos de emitir xuízos estéticos, non sei se "interesados" ou "desinteresados", ante o que vemos.
II.-
Quero deconstruír o último parágrafe que remato de escribir. Certos estudiosos da arte veñen incidindo na importancia das artes visuais. É moi interesante o campo que abre a relación neurobioloxía-arte. A importancia do ollo na percepción da que xa era consciente Leonardo e que chega en termos de neurohistoria da arte ata Onians. Pero nesta importancia da percepción visual eu atopo dúas carencias:
A.- ¿Que hai de xenético e que hai de aprendido nesa percepción? Supoño que non podemos explicar a nosa reacción persoal ante unha obra de arte soamente a través da neurobioloxía.
B.- Ao falar de arte sempre pensamos en arte visuais. Certos artistas tentan rematar con esta tiranía do visual e enchen as galerías de sonidos, sabores e olores. Ideas que sempre estiveron aí (a música é unha arte sonora) pero que non parecían ter cabida no espazo museístico. A arte non soamente se verá, senón que tamén se escoitará, se olerá e ao mellor se tocará. Os avances multimedia permitirán unha maior participación do espectador, a pesar de que hai certa reticencia a chamar arte aquelo no que o espectador deixa de ser pasivo e pasa a ter un papel activo. Por iso pouca xente lles da a categoría de "arte" aos videoxogos a pesar de que son o que máis se asemellerá a un tipo de arte que será común no futuro: arte participativa da que cada un poderá disfrutar na súa casa.


Mail

|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License