4.2.06
Artigos de crítica ético-estética ou un aspirante a snob atrapado no sentido común por Isaac Marcel
O control da imaxe
Resulta moi interesante ver as diferencias entre como se tratou a información na Guerra de Vietnam e o tratamento da información da última guerra de Iraq.
Na primeira o impacto das imaxes alientou a reacción social que houbo contra o conflicto bélico. En cambio, e coñecendo o sucedido, estes últimos conflictos do Golfo foron guerras de fogos de artificio, guerras sen rostros, guerras "limpas" de edificios destruídos e símbolos caídos pero nas que rara vez aparecía a imaxe dos derrotados.
Tense dito que abusar da utilización de imaxes "do terror da guerra" provoca no espectador unha capa de insensibilidade. O espectador adaptaríase a ver estas imaxes, acostumaríase a elas e non provocarían nel ningún tipo de reacción. Todos podemos ver mortos a mediodía na televisión, case sen prestarlles atención, mentras comemos unha tortilla con patacas e falamos de sexo ou do tempo que vai.
Nembargantes, a imaxe segue "impactando", a pesar das continúas denuncias de asociacións humanitarias sobre o trato vexante que se lle daba aos presos iraquíes nas cárceres, a sociedade estadounidense só reaccionou cando coñeceu as tristemente famosas fotografías.
A imaxe, ten un perigoso grado de verosimilitude. Perigoso porque a través de descontextualizacións e montaxes pode "enganar" á xente, pero, o seu poder moralizador a través dun uso honesto segue sendo necesario hoxe máis ca nunca.
E a pesar da "capa de insensibilidade" algunhas imaxes seguen removendo o estómago (que é onde agora se atopa a conciencia) do espectador e por iso o governo (en galego con"v") dos EE.UU. cuídouse moi moito (a base de xornalistas "encamados") de que non aparecera imaxes das víctimas propias e alleas. E así os heroes nacionais norteamericanos foron só cadaleitos pechados coa bandeira de barras e estrelas enriba.
Comments:
Publicar un comentario