<$BlogRSDURL$>

21.1.06

Artigos de crítica ético-estética ou un aspirante a snob atrapado no sentido común por Isaac Marcel


Dos límites da apropiación

Buscando darlle resposta a esta cuestión pregunteille a un membro do "star system" artístico autóctono iso mismo: ¿Cales son os límites da apropiación?. Por suposto, como non podía ser doutro xeito, contestoume que a apropiación non ten límites.

A xente sempre fala de que Duchamp (ese investigador orixinal ao que se lle saíron milleiros de fillos bastardos) pintoulle á Mona Lisa uns bigotes. Pero, ollo, Duchamp copiou a Mona Lisa, non lle pintou á Mona Lisa de Leonardo uns bigotes. Penso que o matiz é importante.

Rauschenberg si que borrou un debuxo que lle regalara De Kooning. A esta obra se lle deron múltiples significados pero o que ninguén pode discutir é que Rauschenberg pasa un mes borrando a obra doutro artista, ponlle un marco dourado, e apropiase dela titulándoa "Debuxo Borrado de De Kooning".

Máis cercanos á época recente, os polémicos irmáns Chapman, modifican unha serie de gravados (en galego penso que é con "v") de Goya.

Ben, se unha das presuntas teimas destes autores é loitar contra a idea de "obra de arte única e orixinal", ir en contra de esa "aura" que tanto rodea ao artista... o que me pregunto eu é Porque os Chapman non modifican un óleo "único e orixinal" de Goya senón unha serie de gravados das que existen máis copias? Creo que este é outro matiz a ter en conta.

Igual a resposta é tan simple como que, aínda que cartos non lles deben faltar, os Chapman non deben de estar dispostos a gastar a pasta que costa un Goya para pintarlle un dos seus monigotes enriba.

Voltamos daquela ao comezo. O "teórico integrado" resposta: "a apropiación non ten límites". Non profundiza na cuestión, non da máis explicacións senón que rapidamente troca de tema. Nada ten límites, todo vale, todo é arte, todos somos artístas, non convén reflexionar moito senón que hai tragar todo o que nos dan e logo xa buscaremos teorías que lexitimen estas obras. O importante é non semellar un "apocalíptico reaccionario".

O certo é que a min non me convenceu, tampouco estou lexitimado para afirmar que a apropiación ten límites, pero despois desta resposta quedeime na cadeira pensando nos tres exemplos que comentei pero levándoos ao extremo: Que pasaría se Duchamp lle puxese os bigotes á Mona Lisa de Leonardo, se Rauschenberg borrase un dos óleos da serie "Mulleres" de De Kooning ou se os Chapman puxesen un dos seus monigotes na face de Carlos IV no seu retrato de familia. Seguiría entón a apropiación sen ter límites???

|
Comments: Publicar un comentario

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License