29.6.05

Lo lamento a menudo; pero qué podría hacer.
Que una persona no envejezca no es posible que ocurra
e cada día que pasa aumenta a posibilidade da súa ausencia. Intentas pedirlle ao tempo unha prórroga para vivir o que todavía non vivistides xuntos pero o tempo (racional, frío e cruel) non atende a diálogos nen circunloquios. Pasa de largo do brazo da morte ignorando as túas as bágoas, ríndose das transcendencias intranscentes e das mentiras das necesidades innecesarias da vida. A pesar de que o meu reloxo continúa parado o tempo continúa continúando.

|

28.6.05

O meu reloxo queda sen pila pero todo continua. Eu son presente, era presente, fun presente. O tempo pasa pero o meu reloxo continua parado. Aproveito para pensar, non debería pensar tanto, xa ves o que lles pasou a eles por pensar demasiado. Na miña mente hoxe é futuro por iso merco libros de Picasso, Masson, Klee e Leger para o exame de septembro. Levarei o edredón e as sabas á lavanderia, espero que os nove euros e medio do lavado non lles leven a memoria. Sinto pena por deixar o piso é unha mágoa que todo esté tan vello. Agora de novo a buscar fogar para probablemente non atopar nada mellor. O curso que ven non terei xa as vistas neorrealistas do patio mazá. Good bye Brañas Boulevard, 25, 3ºD. Sofas de skay, habitacións amplias, sen calefacción, módico prezo. Volto a chegar tarde, coma sempre, que lástima pero... se soubese que ti non... son o primeiro en tódalas listas de espera da vida, todo o contrario que Zapatero que naceu de pe. Fraga perdeu a maioría por un. Ata logo Mr. Fraga. A Fraga pasoulle o que continuamente me pasa a min, quedou as portas por un, so por un, debe ser un mal endémico da chaira. Touriño pídille permiso a Quintana para governar e Quintana respóstalle cun enorme sorriso. ¿Novos tempos para a lírica? ¿Voltará a imaxinación? ¿Regresará a poesía? O crisol das expectativas: anorexia, drogas, depresións e infidelidades. Penso que se hoxe me presentasen a Deus quedaría francamente decepcioado. Os xoves licencidados de letras galegos opositan para secundaria, traballan no negocio familiar ou emigran para Canarias. ¿E eu? Ego. Sempre ego. Ególatra, egoísta, egocéntrico. ¿Por que non penso máis en ti? Sursum corda. Nen a ti nen a min nos van a condicionar os xenes. ¿Determinismo xenético? ¡Protesto! Contra a xenética, a vontade. Pero non todo é vontade, non podemos multiplicar os pans por moita vontade que teñamos. O meu reloxo está parado pero o tempo pasa.
NOTA: Creo que abuso da estructura circular.

|
Fraga perdeu a maioría ¿Liderará agora a oposición?.

En Lugo os residentes ausentes votaron socialistas (curioso ¿non?).

Uns pijos de incógnito: perilla, pendentes, pantalón caído vaqueiro, zapatillas e camiseta deportivas -todo o vestiario de alternativas e undergrounds marcas carísimas- celebran o resultado electoral tirando papeleiras e contedores. Non creo que ese sexa bo xeito de moverse e moito menos de construir un país novo.


3:30 a.m. Celebracións na Praza Roxa, en Mazarelos e en frente da Casa das Crechas. Restos de celebración na Quintana. Un coche da policía local vixila a sede do PP en Alfredo Brañas.

3:05 a.m. Un solitario Audi pita polo centro de Santiago mentras o copiloto ondea unha bandeira socialista.


O PP, o PSOE e o BNG retiran as impugnacións. A polémica da metodoloxía do voto emigrante dará que falar.


A Radio Galega apenas dedica tempo á nova electoral no boletín informativo das 4 da mañá.


Historia brutal. Unha parella de anciáns aparecen mortos no seu dormitorio. Ela padecía alzheimer e el era quen a coidaba. Ao morrer el por causas naturais ela morreu de fame porque debido ao avanzado da súa enfermidade non se podía valer por si mesma. Os veciños déronse conta polo olor putrefacto que proviña do piso cando el levaba xa oito días morto. Ambos acababan de regresar de Madrid e cando os atoparon as maletas estaban a medio desfacer.

|

27.6.05

Cortar e pegar. Alejandrismo, posmodernidade helenística ou enciclopedismo post-histórico. Traballo para figurativas do barroco. Corto, pego e baixo de internet mecánicamente. Non fai falla pensar. Influido inconscientemente polas teorías historiográficas marxistas plantexo unha dialectica como motor histórico da arte do momento: Caravaggio vs Carracci. Basada nunha intuición sen rigor histórico que non sei se é mentira, fantasía ou metade mentira metade fantasía. A historia como novela, o "relato lexitimador" dos feitos, a causalidade. En fin, para o caso que lle vai facer a profesora ao correxilo tampouco merece máis.

|

26.6.05

16:01 Recibo unha petición de conexión interior de Anxo. Verifico identificación mental e permito a conferencia. Pecho os ollos e vexo a súa imaxe. Coméntame que está preparando unha ponencia Relativismo, sofismo e retórica de Grecia á posmodernidade para un congreso internacional de pensamento clásico posmoderno que terá como sede central NeoTaiwan na que el interverá por ondas mentais dende a súa cápsula conservadora de catedrático emérito da Santiago de Compostela University (SCU). Para preparar esta conferencia insertouse o chip das obras completas de Foucault coas que mantén unha gran distancia científica pero que son indiscutiblimente acertadas en certos aspectos. A conexión remata bruscamente por falta de saldo. Mecago na Telefónica!.

Quintana (III)
Quintana marchou discreto e sorrinte tras un pobre resultado electoral co que, paradoxas da democracia, o BNG pode alcanzar as máximas cotas de poder da súa historia. Pero iso será se o permiten os votos dos residentes ausentes (asombroso lirismo legal co que se denomina o censo dos emigrantes).

|

25.6.05

Quintana (II)

Ao final do speech de Quin o auditorio comezou con aquelo de "Galiza Ceibe, Poder Popular", consigna clásica do nacionalismo galego nacida da liberdade reprimida dunha época na que se cría en que as cousas se podían mellorar con inocentes revolucións vermellas e moita imaxinación. Un berro máis antifranquista que independentista que enchía os muros vellos e as manifestacións dispersas violentamente. Un berro que imaxino que a Quintana, non lle fará agora moita gracia, máis que nada polo de "poder popular" pois digo eu que pensara que "poder popular" xa houbo dabondo en Galicia.

|

24.6.05

Quintana (I)

Despois do voo das enquisas chegou o golpe dos resultados. Rostros de desencanto e despecho na pouca xente que había no Hotel Araguaney, cuartel central do BNG o 19 de xuño. O que se vían eran bases e xuventude pero nen rastro dos "líderes nacionais", todos se ausentaron porque ningún tivo a valentía de porlle parte do seu rostro á derrota.

Quintana chegou coa soedade que da o fracaso, atravesando un pasillo de bandeiras, mocidade e música electoral. El era o que máis sorría de todo o "Salón Castelao", a súa cara de xigantesco bonachón transmitía serenidade e futuro nun momento de indubidable fracaso. Tras un breve silenzo do auditorio comezou un discurso demagóxicamente precioso, sen proxectos concretos (tampouco era o momento) pero cheo de esperanzadoras cláusulas xerais que animaron a moral diezmada da pequena tropa de simpatizantes que apenas superaba en número aos xornalistas que cubrían o evento.

|

23.6.05

"Procurad también que, leyendo vuestra historia, el melancólico se mueva a risa, el risueño la acreciente, el simple no se enfade, el discreto se admire de la invención, el grave no la desprecie, ni el prudente deje de alabarla". (Prólogo do Quijote)

Previsións electorais


As oito e cinco enterábame vía móbil das primeiras enquisas a pe de furna. A TVG daba entre 32 e 35 escanos aos populares. Con estes datos o rostro de Crespo, o director da campaña do partido popular, debía estar máis pálido que o da musa dun poeta romántico.


O meu anónimo compañeiro de asento de bus interesado polos datos pre-electorais preguntóume que como ía a cousa. O seu pesimismo antropolóxico electoral nacía de ser un xove licenciado galego sen dereito ao voto por estar empadroado en Canarias onde traballaba na construcción. Este pesimismo levábao a non fiarse das previsións "Uf, se fosen trinta e cinco. Pero non han de ser trinta e cinco, han de ser máis, xa verás. Ao final isto decídenno os emigrantes e xa saberás por quen van votar os emigrantes".


O bus chegaba a Santiago as oito e media cun imprevisible adianto por ir cheo dende á orixe, co cal aforrámonos os rodeos e as incómodas e múltiples paradas. O anónimo compañeiro e eu despedímonos despois de ter unha conversa sobre o país que pasou do tanteo mutuo (para ver por onde respiraba o outro) á sinceridade crítica. Él collería un avión rumbo a Canarias, un neoemigrante de trinta e poucos anos, e eu esperaría a que me viñesen a recoller.


Nas mesas electorais situadas no medio da estación nese intre estaban no reconto. Interventores, apoderados, vocais e presidentes de mesa estaban atentos a súa laboura, mentras por diante deles a xente ía en bermudas e sandalias de aquí para alá paseando as maletas e mirando con curiosidade para eses elementos descontextualizados que rompían o tedio da espera dos sitios así.


Todavía nada se sabía de resultados, todo eran hipóteses. Facendo tempo na cafetería da estación vía como en Telecinco barallaban sobre as posibilidades que ofrecían os resultados das enquisas que finalmente se quedaron en futuribles.


Ao chegar ao piso en ausencia de televisión puxen a radio. A cousa cambiara, xa non eran hipóteses senón resultados, o PP rozaba a maioría absoluta. Crespo podería respirar e Fraga podería brindar con champán pero o meu compañeiro anónimo seguro que estaba vomitando sentido común na cafetería do aeroporto, autoafirmándose na crenza de que non merecemos máis co que temos, esperando o avión que o levaría rumbo ao seu posto de obreiro cualificado con estudos superiores.

|

22.6.05

Fraga

Fraga chegou a votar co seu peculiar andar bamboleante. Exerceu o seu dereito, ironías da vida, na Casa da Xuventude de Vilalba, nesa "casa de la juventú" onde puñamos ao ocio adolescente a banda sonora dos Beatles, dos Rodríguez e dos Smashing entre partidas de futbolín e tenis de mesa.

Xusto no intre en que Fraga votaba eu estaba un pouco máis abaixo mercando La Voz de Galicia na libreria Segrel. O xornal anunciaba unha participación histórica a pesar do tempo de praia.

Precisamente esa abafante calor que ía na capital da chaira e os durísimos días de campaña fixeron que os oitenta e dous anos de Fraga se lle notaran visiblemente tanto no seu falar excesivamente pausado coma nos seus ollos entreabertos que loitaban para non pecharse. Este Fraga pouco tiña que ver co Fraga que chegaba a Vilalba coma un ciclón sen parar de sorrir e falar, saúdando pola rúa a todo mundo sen excepción como se fosen amigos da infancia.


Despois de exercer o seu dereito ao voto Fraga dirixiuse co seu camiñar de procesión ao Centro Cultural Recreativo, unha especie de casino en versión vilalbesa coñecido popularmente como "La Sociedá" que na nosa nenez enchíamos de confeti e serpentinas disfrazados de mosqueteiros, ninjas ou xogadores de rugby.


Elección tras elección Fraga bota na Sociedá a súa tradicional partida de dominó. Imaxino que esta rutina consolidada como un elemento diferencial da política galega estará incluida xa en tódolos manuais de psiquiatría política como medio de esparcimento emocional post-votación. Touriño e Quintana seguramente estén pensando que cousa típica, tópica, enxebre ou caracterísita facer despois de ir votar (coma preparar un cocido, xogar á birisca ou bailar unha muñeira) para atraer de paso as cámaras dos medios.

Algunha das súas irmáns e algunha filla aínda se deixa ver algo máis pola vila pero el vaise tan rápido como chega para non voltar ata a procesión das festas patronais ou ata que se inaugure unha pista ou ata as próximas eleccións... nas que seguramente xa non votará como presidente da Xunta.

|

21.6.05

Touriño



A música que proviña do Obradoiro interrompeu o meu estudio da Rank británica. Entre os máis de trinta graos e as versións de grupos pop dos oitenta era imposible estudar. Así que salín da Biblioteca Xeral de Santiago para ver a santo de que viña tanta festa (esta vez o Apóstolo e o seu Xacobeo tiñan pouca culpa). Sen pretendelo atopeime co acto de peche de campaña do PSdG-PSOE (os socialistas galegos).

O reclamo musical conseguiu encher as cadeiras do acto coa axuda dos guiris boquiabertos que non tiñan nen idea de que se estaba a celebrar alí. A esta banda que versioneaba pop seguiuna un grupo vangardista de percusionistas folk, unha especie de reviosismo da música e da estética tradicional galega. Con tanto pandereteiro e tamborileiro contemporáneo vestido de kung fu os guiris agora si xa estaban totalmente desorientados.

Rematou a perfomance neofolk e comezou a música triunfal do PSdG. Saíu á escea a teloneira que arrincou os sorrisos con algún chiste con gracia, coma a irónica definición de Fraga que a pesar de ser en galego consegiu que o grupo de sevillanos que estaban detrás de min non paranse de rir e aplaudir.

Despois deste intervención humorística sen proxectos políticos saíu a escea o candidato á Xunta: Emilio Pérez Touriño (EPT). Alemáns, galegos, franceses, andaluces e algún estadounidense axitaban as bandeiras vermellas do partido, poucas veces na súa carreira política dará Touriño un mitín tan mulicultural.

O primeiro que fixo o candidato ao entrar ao escenario foi darse unha aperta con Díaz Pardo, que vai aínda máis vello que Fraga. Supoño que con este xesto de flash de foto e conexión en directo Touriño quería vencellar socialismo e galeguismo porque todo político galego pretende apropiarse do galeguismo é por iso polo que Fraga reparte Medallas Castelao (se o esquelete do filomarxista Castelao puidese ver isto a través dun ollo de vidro, como sucede nunha das súas creacións, prefiriría non ter abandoado a ignorancia do soño eterno).

Do que dixo Touriño non lembro ningunha palabra, nen unha, pura retórica, puro sofismo. Calou Touriño, voltaron a música partidista a tope e os guiris abandeirados. No Obradoiro resoaban as bombas de palenque mentras a catedral dourada polo verán miraba en camiseta de manga curta o espectáculo de pirotécnia socialista.

Como remate da festa a verbea que correu a cargo dun Gurruchaga enfraquetado como o pingüino de Batman que segue nos seus oitenta. O poliartista basco deu un concerto ao ritmo dalgunha letra de Dylan e Lennon. Non sei se de gañar Touriño a TVG agradecerá estes servicios prestados. A pregunta que xordería daquela sería inquedante pero inevitable ¿Será Gurruchaga o novo presentador de Luar? e de ser así ¿Acabará Gayoso en Telelugo?.



O recuncho de don Manuel


nombre
(Foto: Efe Fonte: elmundo.es)
Na foto don Manuel a noite dos resultados electorais o 19 de xuño do 2005 (¿Presidente?).

|

18.6.05

Día de reflexión (pssssssssssssssssss.............................). Todos a pensar que fai falla sentidiño.

Un quijote susurra amor á eternidade nun mundo de placer en conservas: "En un momento en el que como hoy, mi corazón se hallaba desbordado por el dolor, todo giraba en torno a la figura Margarita del Río Reyes, la mujer que me lo dio todo a cambio de nada y a la que he consagrado mi vida entera, lo quede me quede de ellla". (Antonio Vega).

|

16.6.05

Activismo creativo


nombre


O recuncho de don Manuel


nombre

Na foto don Manuel -o da dereita- xunto co xefe do estado español desa época -o de gorra- (Momento CUÉNTAME)

|

15.6.05

O recuncho de don Manuel


nombre

Na foto don Manuel -o da esquerda- fumador pasivo de Santiago Carrillo -o da dereita- (Momento PREMOVIDA).

|

13.6.05

Mies van der Rohe: "Menos es más".


nombre
Neue National Gallerie, Berlin (1965-1968)



O recuncho de don Manuel

nombre

Na foto, don Manuel arengando aos fieis do PP de Galicia na tradicional romaría popular do Monte do Gozo. (¿Máis é menos?)

|

12.6.05

O recuncho de don Manuel

nombre


Na foto, don Manuel (curiosamente o primeiro pola esquerda) xunto co resto dos pais da Constitución do 78 "a intocable".


|

11.6.05

Somos o que foi

sen determinismos
con capacidade de mellorar
ou iso espero.


O recuncho de don Manuel

nombre


Na foto don Manuel despois dun duro día de campaña.

PERIFÉRICOS debe aclarar, a propósito de certos comentarios de fieis lectores sobre as diferencias existentes entre as imaxes do cartel electoral e as fotos que aparecen do candidato do Partido Popular de Galicia no Recuncho de don Manuel, que as imaxes publicadas nesta web son as que están retocadas con PHOTOSHOP buscando un fin máis artístico.


|

9.6.05

O recuncho de don Manuel


nombre
Na foto, don Manuel dase un baño de masas o 28 de maio do 2005 ante un entregado público na tradicional romaría que o PP de Galicia organiza no monte do Gozo
(Benvido Mr. Fraga!)



|

6.6.05

En Woody por Allen de Stig Björkman:

No me siento influido por ningún pintor, pero me gustan todos los expresionistas abstractos, De Kooning, Pollock, Frankenthaler. Y me encantan muchas cosas de Andy Warhol y muchas de las cosas de Rauschenberg y de Jasper Johns. Sí, me encanta la pintura americana contemporánea.


O recuncho de don Manuel

nombre

Na foto don Manuel, entronizado carcelario da Cofradia do Vinho do Porto o 14-06-92.



|

4.6.05

Allen es un moralista, un serio moralista, que eligió la comedia como la herramienta que más correspondía a sus talentos naturales para transmitir su exigente y triste mensaje moral. Ese mensaje dice que hay que ser moral incluso aunque no haya Dios. La moral, lo mismo para Allen que para Kant, no debe su vigencia a la existencia de Dios, que parece esta en contradicción con los sufrimientos humanos y el mal. (Vittorio Hösle)


O recuncho de don Manuel


nombre

Na foto don Manuel (o branco de branco comezando pola dereita), presencia o acto de proclamación de indepencia de Guinea Ecuatorial (ano 68).

|

3.6.05

Allen arrinca o sorriso amargo dunha sociedade que el ve moralmente mutilada pola televisión e polas drogas. Allen, ex guionista de progamas de televisión, escribe no guión de Manhattan constantes referencias críticas ao mundo televisivo: “Ese público se ha criado con la televisión. Su intelecto ha ido disminuyendo con los años”. Para o director neiorquino a televisión é un xénero audiovisual menor, cheo de productos deleznables. Alvy, protagonista de Annie Hall dirá sobre California: “No tiran la basura, la convierten en programas de televisión”. Na televisión non hai lugar para a nostalxia, ao contrario que sucede coa radio en Días de radio, a televisión representa un mundo de apariencias, superficial e artificial, cheo de sorrisos enlatados. O debate sobre o telelixo que tan presente está actualmente na sociedade española xa aparecía nas obras de Allen nos setenta, obviamente as circunstacias e o estado de evolución do xénero televisivo en ambas nacións eran moi diferente.

O outro aspecto do que falabamos a propósito da decadencia moral da sociedade eran as drogas. Expoñendo na crase da asignatura de Cinema Español diversos puntos de vista de Todo sobre mi madre, filme realizado por Almodóvar no ano 1999, saíu a debate o tema das drogas. Na filmografía de Almodóvar as drogas pasan de ser algo lúdico a ser un problema. Allen dende os seus inicios como realizador da unha visión negativa da droga. En El dormilón, a súa parodia das antiutopías futuristas, como a novela de Huxley Un mundo feliz ou o filme Alphaville de Godard, os persoaxes buscan o placer inmediato acariciando unha bola de metal. A californicación do mundo promove esta falsa felicidade express, a este respecto o humorista estadounidense escribe para Manhattan sarcásticas referencias sobre a droga: “Lo único que hacéis es tomar drogas. Es normal que os parezca gracioso. Todo es gracioso si tomáis... Deberíais abandonar el programa y montar una farmacia” porque para Allen a droga aliena, fai que sexamos menos conscientes dos nosos problemas existenciais: “No creo que esté bien eludir el lado penoso empleando drogas” (McCANN, 1990, 165).




A xuventude ensimismada (eu en min)
deriva no crepúsculo das ideas (confort pasivo - placer express)
alí onde os soños non son posibles (nun mundo sen poesía)


O recuncho de Don Manuel

nombre
Na foto, Don Manuel, practica deporte cos amigos no Centro Cultural Recreativo de Vilalba (coñecido popularmente como "La Sociedá").




|

2.6.05

Como o resto da cidade en Manhattan as relacións dos persoaxes están continuamente en movemento e a pesar da frase de Ike “Bueno, yo no creo en las relaciones extraconyugales. Creo que la gente debería unirse de por vida, coma las palomas o los católicos” , posición que non debe estar moi lonxana á do propio Allen “(...) estoy en contra de los matrimonios de poca duración; considero que los míos son alguna señal de algún tipo de fracaso” (McCANN, 1990, 165), Nova York será tamén no amor a capital do transitorio. Así Emily e Yale, baixo a aparencia de parella perfecta non están a pasar un bo momento. Yale confésalle a Ike que mantén unha relación paralela con outra muller. Resulta curioso como estas confesións se repiten sitemáticamente no cine de Allen, esta necesidade de contar accións ou emocións tanto a un amigo coma ao psicoanalista (o oftalmólogo ateo que confesa a súa infidelidade pedíndolle consello a un rabino en Delitos y Faltas). E de novo aparece o Allen moralista, hai cousas que non están ben e a infidelidade de Yale non está ben por iso lle provoca un sentimento de culpa. En Allen será importantísimo o sentimento de culpa, un tema que será central na filmografía do que probablemente é o director máis admirado por el, o sueco Igmar Bergman.

|

This page is powered by Blogger. Isn't yours? Creative Commons License