5.12.05
Artigos de crítica ético-estética ou un aspirante a snob atrapado no sentido común por Isaac Marcel
Todos, ou case todos, pensamos que o artista é un “tipo singular” fóra do común, que hai algo –non xa na súa obra senón na súa propia vida- que o fai especial. Desta crenza popular parten Rudolf e Margot Wittkkower na súa investigación Nacidos bajo el signo de Saturno. Genio y temperamento de los artistas desde la antigüedad hasta la Revolución Francesa.
Como nos contan os autores é Ficino quen, tentando relacionar medicina e astroloxía, escribe que o temperamento dun home ven dado por un planeta: os nados baixo o signo de Xupiter son sanguíneos, os nados baixo o de Marte son coléricos e os que nacerían baixo o signo de Saturno serían melancólicos. Pero nesta concepción astrolóxica da existencia as estrelas non so determinarían o temperamento senón tamén a vocación.
Aínda que a melancolía relacionada coa tipoloxía humana do artista xa estaba en Aristóteles, será no Renacemento cando se consolide. Este idea do carácter saturnino dos artistas se convertirá nunha constante na historia da cultura occidental: dende Vasari ata actualidade, pasando invetiblamente por Hölderlin e os idealistas alemáns. Isto xustifica o título do libro: Nacidos bajo el signo de Saturno.
Xa no subtítulo se nos advirte da delimitación cronolóxica do estudo: dende a antigüedade clásica ata a Revolución Francesa. Os autores pensan que o Romanticismo constituirá un punto e aparte na investigación do carácter específico do artista, por iso a mirada do espazo de tempo que vai dende o Romanticismo ata actualidade necesitaría dun tomo aparte.
Creo que é esta restricción cronolóxica é o aspecto que máis limita as posibilidades do libro. Ao contrario do que se pensa, non comparto que haxa unha “revolución romántica” na imaxe do artista. No tocante á construcción do carácter específico do artista o Romanticismo non sería unha época de creación de novos valores senón de consolidación, precisamente unha das características deste movemento é a mirada ao mundo antigo e medieval na búsqueda de persoaxes que exemplificasen os ideais que eles defendían
Ao longo da lectura de Nacidos bajo el Signo de Saturno atopamos analizadas moitas cualidades na idea de artista que teñen continuidade na época romántica, empezando polo seu carácter saturnino. Ademáis o feito de que este estudo se interrompa na Revolución Francesa fai que moitos dos seus temas non queden de todo completos pois acadarían o seu maior grado de debate social e intelectual en épocas posteriores (estou pensando por exemplo nas relacións entre xenio e tolemia).
A parte máis interesante desta investigación é o derradeiro tema, titulado “Personalidad, carácter y obra”. Como afirman os autores, dende a antigüedade persiste a idea de que o carácter dun home e o carácter das súas obras son dependentes. A relación entre vida e obra é algo que todavía hoxe segue vixente, a todos nos gusta imaxinar que detrás dunha gran obra se esconde unha gran persoa –aínda que moitas veces non é así-. As obras son productos persoais do autor pero que unha pintura teña unha pincelada ou unha temática violenta non significa que o seu autor teña que ser violento. Se este libro continúase ata a arte contemporánea, nestas relacións entre vida e obra merecería un especial capítulo Van Gogh, do que tantas veces se ten dito que detrás das súas pinceladas se agochaba a súa tolemia.
Esta derradeira parte tamén resulta a máis interesante pola acertada reflexión crítica que fan os autores sobre as teorías de Lombroso e Kretschmer e pola advertencia sobre os perigos das teorías psicoanalíticas que defenden a mutua influencia entre a personalidade e a obra (citando o polémico estudo de Freud sobre Leonardo ou as erróneas interpretacións que fai Ernst Jones sobre A Virxe das Arpías de Andrea del Sarto). Nalgunhas destas teorías psicolóxicas atopamos a neurose, a represión ou a sublimación como orixe da creación artística. Isto pode ser verdade en casos concretos, o malo é cando estes termos se utlizan de xeito indiscriminado.
En xeral, a análise dos Wittkower é unha fonda investigación na que mediante unha inxente cantidade de exemplos (ás veces semella ata excesiva) se nos presentan aspectos que caracterizaban ao “típico artísta” no imaxinario popular dunha época. A partir destes exemplos observamos como os artistas foron vistos dende diversas ópticas dependendo do contexto tanto temporal como xeográfico, como o mesmo artista pode ser visto de xeito diferente (dependendo das fontes consultadas) e como artistas do mesmo contexto poden levar actitudes vitais opostas.
Disto deriva que Nacidos bajo el Signo de Saturno teña un espírito discretamente desmitificador, aínda que os autores non rematan por respostar claramente á cuestión de se existe un tipo constitucional de artista, pregunta que pecha o libro. Pero despois da súa lectura resulta difícil seguir defendendo a idea do artista como “home excepcional” (é especialmente esclarecedor o capítulo “El suicidio entre los artistas”, aspecto este que si que acadaría no Romanticismo unha especial importancia, pero non só entre os artistas) e, sobre todo, a idea da existencia dunha tipoloxía de artista válida para todo tempo e lugar.
Comments:
Publicar un comentario