23.6.05
"Procurad también que, leyendo vuestra historia, el melancólico se mueva a risa, el risueño la acreciente, el simple no se enfade, el discreto se admire de la invención, el grave no la desprecie, ni el prudente deje de alabarla". (Prólogo do Quijote)
Previsións electorais
As oito e cinco enterábame vía móbil das primeiras enquisas a pe de furna. A TVG daba entre 32 e 35 escanos aos populares. Con estes datos o rostro de Crespo, o director da campaña do partido popular, debía estar máis pálido que o da musa dun poeta romántico.
O meu anónimo compañeiro de asento de bus interesado polos datos pre-electorais preguntóume que como ía a cousa. O seu pesimismo antropolóxico electoral nacía de ser un xove licenciado galego sen dereito ao voto por estar empadroado en Canarias onde traballaba na construcción. Este pesimismo levábao a non fiarse das previsións "Uf, se fosen trinta e cinco. Pero non han de ser trinta e cinco, han de ser máis, xa verás. Ao final isto decídenno os emigrantes e xa saberás por quen van votar os emigrantes".
O bus chegaba a Santiago as oito e media cun imprevisible adianto por ir cheo dende á orixe, co cal aforrámonos os rodeos e as incómodas e múltiples paradas. O anónimo compañeiro e eu despedímonos despois de ter unha conversa sobre o país que pasou do tanteo mutuo (para ver por onde respiraba o outro) á sinceridade crítica. Él collería un avión rumbo a Canarias, un neoemigrante de trinta e poucos anos, e eu esperaría a que me viñesen a recoller.
Nas mesas electorais situadas no medio da estación nese intre estaban no reconto. Interventores, apoderados, vocais e presidentes de mesa estaban atentos a súa laboura, mentras por diante deles a xente ía en bermudas e sandalias de aquí para alá paseando as maletas e mirando con curiosidade para eses elementos descontextualizados que rompían o tedio da espera dos sitios así.
Todavía nada se sabía de resultados, todo eran hipóteses. Facendo tempo na cafetería da estación vía como en Telecinco barallaban sobre as posibilidades que ofrecían os resultados das enquisas que finalmente se quedaron en futuribles.
Ao chegar ao piso en ausencia de televisión puxen a radio. A cousa cambiara, xa non eran hipóteses senón resultados, o PP rozaba a maioría absoluta. Crespo podería respirar e Fraga podería brindar con champán pero o meu compañeiro anónimo seguro que estaba vomitando sentido común na cafetería do aeroporto, autoafirmándose na crenza de que non merecemos máis co que temos, esperando o avión que o levaría rumbo ao seu posto de obreiro cualificado con estudos superiores.
Comments:
Publicar un comentario