10.1.05
Onte vin que no Compostela puñan La importancia de llamarse Ernesto. O meu primeiro curso en arte devoraba Wilde porque soñaba con Oxford (agora soño con Manhattan). Lembro con agarimo a miña lectura desa peza teatral, ademáis no radiofónico Cowboys de Medianoche o ínclito Torres Dulce falaba moi ben dun dos seus protagonistas.
Fixen cola. A parella de diante pediu dous billetes para a sala catro. Eu pedín un para La importancia de llamarse Ernesto. Entrei no cine e dinme conta de que esquecera mirar a sala. Por non preguntar deixeime guiar polo corazón e fun á sala catro seguindo á parella que tiña diante na cola.
Entrei na alongada e estreita sala catro do Compostela. Púxenme bastante diante para mitigar o crecemento da miña miopía. Ao meu carón había unha parella multirracial. Ela, unha negra inmensa con acento americano, explicáballe ao seu acompañante os diversos significados do título de La importancia... Parece entón que acertei -pensei. A música (pop yankee comercial) cesou e as luces se apagaron. O filme comezou sen trailers... (To be continued)
Axenda cultural (IMPRESCINDIBLE!!)
O profesor do Departamento de Historia da Arte da USC Miguel Anxo Rodríguez pronunciará este martes, día 11, ás 20:00 horas na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia, a conferencia ‘Escultura abstracta na periferia. Aproximacións a outra tradición’. Deste xeito o Departamento de Historia da Arte reanuda, logo das vacacións de Nadal, o seu I Ciclo de Conferencias Abertas Lecturas para a Historia da Arte.
A escultura abstracta en rexións periféricas de Europa presenta unhas singulares características que fixeron que desde a crítica e historia da arte se adoitara interpretar sempre a partir do tópico de ‘tradición e modernidade’, como se esta escultura fose consecuencia duns modos de traballo que se perpetuaron no tempo, mesturados con formas modernas. Así, o profesor Rodríguez Fernández fará unha revisión destas ideas porque non atenden á forte carga de intencionalidade das propostas dos artistas, “a selección que estes fan das formas, materiais ou procedementos tradicionais é moi consciente e premeditada”.
Na súa conferencia centrarase nos casos vasco e galego, aludindo ao contexto socio-cultural. Na segunda metade do século XX foron varios os escultores vascos e galegos que adoitaron materiais e modos de traballo propios dos oficios populares. Así, é significativo que estas aproximacións tan frutíferas para os artistas se deran en momentos de crise de lexitimidade das academias de Belas Artes e de decadencia dos oficios populares.
Tamén este martes, día 11, Pedro de Llano Neira exporá unha comunicación titulada ‘Crítica de arte en Clement Greenberg’.